O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentaron este sábado as
principais liñas do anteproxecto de decreto de linguas que o Consello da Xunta aprobará este mesmo mes. Mais o que non contaron foi o forte tira e afrouxa que houbo no Goberno até poucas horas antes da comparecencia diante dos medios.
Segundo puido saber Vieiros, nos últimos días os sectores do PPdeG máis próximos ás teses de Galicia Bilingüe, co visto e prace da dirección española do partido, presionaron a Feijoo para que a consulta aos pais fose vinculante e non meramente “orientativa” como xa se tiña decidido na consellaría dende finais de febreiro. Finalmente, Educación tivo que ceder e artellar un sistema de consultas cada catro anos que permiten cambiar os bloques lingüísticos fixados.
Galicia bilingüe non ocultou a súa ledicia por esta modificación. De feito, nunha nota de prensa difundida pouco despois de que se coñecese o novo anteproxecto, a asociación contraria a normalización do galego sinalaba como "especialmente importante" a decisión de que en Primaria e ESO os pais puidense intercambiar a lingua en bloques. A súa presidenta Gloria Lago era especialmente gráfica: "Isto xa pinta moito mellor".
Fontes do PPdeG confirmáronlle a este diario electrónico que dirixentes "populares" de Vigo e da Coruña exixiron que non houbese un distanciamento demasiado evidente das teses de Galicia Bilingüe polo custe electoral que pensaban que podía ter isto de cara ás vindeiras eleccións locais. Segundo esta mesma versión, a ex alcaldesa de Vigo, Corina Porro, chegou a "saltar" a Feijoo e recorrer directamente a Mariano Rajoy para que intercedese a prol destas teses, algo que creou malestar no entorno do presidente galego.
Filtracións interesadas e convocatorias ás carreirasNa guerra interna non faltaron filtracións xornalísticas de última hora que precipitaron a presentación do decreto aos medios. Educación tiña previsto difundir o luns o texto. Porén, o gabinete de Feijoo decidiu a primeira hora do venres adiantar a convocatoria ao sábado, algo que sorprendeu, e moito, pero que tiña un obxectivo: lograr unha tregua interna, xa que continuaba a presión sobre outros puntos do decreto.
Os sectores máis achegados a Galicia Bilingüe consideraban que os alumnos debían ter "liberdade lingüística sen obxeccións" para falar ou escribir en castelán ou galego, independentemente de cal fose a lingua marcada para a materia. Porén, na consellaría decidiron establecer "orientacións pedagóxicas para que se procure que os rapaces empreguen a lingua que está marcada para a materia". Queda por definir como se resolverá este aspecto, algo que aínda non está plasmado por escrito.
Por que non se lle facilitou o texto aos xornalistas?A Consellaría de Educación ten atado o anteproxecto nun documento de quince páxinas que conta con 23 artigos e seis disposicións adicionais. Porén,
a diferenza co que aconteceu o 30 de decembro, nesta ocasión a Xunta decidiu non difundilo e só explicar as súas liñas básicas nunha conferencias de prensa. Dende o Goberno sinalaron que se fará público ao longo da vindeira semana.
Porén, segundo puido saber Vieiros, hai un punto que está a ser conflitivo internamente pero do que non informaron nin Xesús Vázquez nin Anxo Lorenzo na súa comparecencia de prensa. A diferenza das bases difundidas en decembro, nun dos primeiros artigos explicítase que a lingua "de carácter xeral" da administración educativa será sempre o galego. Hai que recordar que no texto anterior en ningún momento se explicitaba que a lingua do país fose o idioma vehicular administrativamenta (algo que foi moi criticado).
A palabra normalización desaparece do textoA lingua galega terá garantido un mínimo dun 50% no currículo escolar pero ese tamén é o teito porcentual máximo que se lle impón ao noso idioma. O PPdeG negouse radicalmente a calquera tipo de discriminación positiva. A filosofía de desterrar o concepto de normalización lingüística chega a tal punto que no novo texto que, como se apuntara xa nas bases anteriores, os equipos de normalización dos centros educativos pasan a chamarse de "dinamización".