- Neste momento da historia do patriarcado, as mulleres como colectivo podemos expresarnos publicamente. A nosa palabra de mulleres é unha palabra diferente e nosoutras decidimos afrontar o reto de dicila.
- Ao longo da historia do patriarcado, as mulleres como colectivo padecemos un dominio e un control sobre o noso corpo, sobre a nosa sexualidade, sobre os nosos embarazos e partos. Agora estamos a entender que somos o noso corpo e que este -teña as condicións que teña- non é indigno nin motivo de vergonza.
- Ao longo da historia, as mulleres como colectivo dedicamos o noso tempo e as nosas enerxías a parir, a alimentar e a criar vida. Por iso, partimos dunha confianza e dun respecto básicos nas decisións das mulleres como colectivo fronte a todo o relacionado coa vida.
- Sabemos que o aborto sempre supón dor, sufrimento e traxedia. E por iso entendemos que, basicamente, é un mal. Ao longo da historia do patriarcado e ata a actualidade, sempre se realizaron abortos: unhas veces para dominar uns pobos sobre outros, outras por decisións políticas; algunhas veces por decisión de homes para evitar escándalos públicos, e outras tamén por decisión das mulleres embarazadas debido a múltiples motivos.
- Nós, mulleres, cristiás e galegas, queremos vivir e facer reflexión desde a nosa fe nun Deus que integra masculino e feminino nun respecto fondo pola diversidade dinámica da vida en continuo movemento e transformación. Queremos vivir e facer reflexión desde a escoita das palabras e da vida do noso irmán Xesús, amigo e defensor dos dereitos das mulleres por riba das normas sociais e relixiosas do seu tempo. Queremos vivir e facer reflexión inspiradas polo Materno Espírito que o impregna e vitaliza todo. Queremos vivir e facer reflexión seguindo os pasos doutras mulleres crentes que nos antecederon e que recoñecemos como nosas irmás maiores: María a nai de Xesús, María a Magdalena e as demais discípulas e seguidoras activas da Boa Nova do Evanxeo.
- Polo tanto, e como consecuencia de todo o anterior, consideramos deslexitimada e non vinculante a palabra oficial da xerarquía católica en relación á cuestión do aborto.
- E entendemos que nosoutras temos o dereito de existir e vivir en liberdade e de decidir sobre as nosas vidas.
tendo en conta todo isto: 1. Entendemos que a cuestión do aborto é unha cuestión complexa, que toca moitas dimensións (relacional, sexual, social, legal, moral...) e que ten que ver coa vida e polo tanto é unha cuestión fronteiriza.
2. Queremos que as institucións públicas e a sociedade civil en xeral tomen medidas e utilicen recursos para acompañar, asesorar e apoiar a calquera muller embarazada que pense na posibilidade dunha interrupción do seu embarazo.
3. Non queremos xulgar a ningunha muller que tome a decisión de interromper o seu embarazo. De principio cremos no dereito de calquera muller para decidir por si mesma sobre unha cuestión tan vital.
4. Queremos que calquera muller –de calquera condición social ou económica- que decida a interrupción do seu embarazo estea amparada por unhas prácticas seguras desde a sanidade pública.
5. Queremos que non se penalice de ningún xeito as mulleres que, nun momento da súa vida, deciden ou se ven abocadas a abortar.
6. Defendemos unha educación afectivo-sexual integral desde instancias públicas para evitar chegar a situacións non desexadas inicialmente.
7. Traballamos por unha sociedade que nos recoñeza a nós, mulleres, como cidadás de pleno dereito desde a nosa orixinalidade e diversidade.
8. Traballamos por unha Igrexa democrática e horizontal que deixe de actuar con dobre moral; unha Igrexa que recoñeza a nosa palabra e as nosas decisións e que respecte o noso proceder.