Todas as formacións políticas apoian no pleno o chamado "Pacto Cívico", impulsado polo Concello e redactado por colectivos sociais.
Ourense, vista da Catedral
O pleno municipal deste venres no Concello de Ourense foi escenario dunha inédita unanimidade entre os tres grupos políticos con representación. Votábase o chamado "Pacto Cívico de Ourense", un documento redactado por representantes de dúas ducias de asociacións e colectivos sociais e culturais da cidade das Burgas. Un dos participantes, o debuxante Xosé Lois González, 'O Carrabouxo', definíao durante a presentación da iniciativa esta semana como unha pequena "Constitución" para Ourense e o ourensanismo.
"As veciñas e veciños de Ourense, na procura da nosa esencia e valores, queremos facer expresión pública da condición de ourensáns a través deste pacto cívico", principia o documento. "Esta é a carta de cidadanía que nos comprometemos a respectar, promover e defender, en todas as actuacións e ámbitos da nosa cidade, e que trasladaremos ás entidades e persoas que queiran asinar", engaden.
O pacto esgarabella un conxunto de mínimos comúns arredor de seis eixos de compromiso con Ourense: a idea da cidade como "porta e ponte" do país; cidade "viva e saudábel"; cidade "de natureza" (con referencias ao termalismo e a convivencia rural-urbano; cidade "educadora"; de historia e cultura (a "Atenas de Galiza"); de barrios; e de futuro (crecemento sostíbel). Algunhas mencións específicas salientábeis son a definición de "cidade en galego, que ama a súa lingua e a protexe desde sempre" ou a chamada a "potenciar a natalidade". En palabras do rexedor ourensán, Francisco Rodríguez, un punto de encontro cara a "unha Ourense mellor". O documento segue agora o seu camiño a pé de rúa recabando a reflexión e adhesións da cidadanía.