Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SANIDADE PÚBLICA

O médico de garda, a máis dunha hora en coche

O Valedor do Pobo intercederá diante de Sanidade pola falta de atención nocturna no Courel.

Redacción - 13:15 03/03/2010

Dende que en 2001 a Xunta, co visto e prace dos sindicatos, decidiu reformar o sistema de urxencias extrahospitalarias, numerosos municipios do rural viron como a atención médica en horarios de tarde e de noite se distanciaba. O goberno Fraga decidiu daquela substituir os médicos de garda en cada concello por un sistema de Puntos de Atención Continuada (PAC).

A partir dese momento, os municipios máis cativos dende o punto de vista de poboación pasaron a ter como referente para os servizos de urxencia estoutros centros médicos. Os PAC encárganse dende aquela de manter o servizo de garda polas tarde e noites (nos días laborais) e as 24 horas nos festivos. SOS Courel leva anos denunciando que este cambio, se ben afecta a todos os municipios rurais, é especialmente prexudicial para zonas como a do Courel, polas súas circunstancias específicas dende o punto de vista socioeconómico e orográfico.

Os veciños de Folgoso do Courel teñen entre as 10 da noite e as oito da mañá como referente médico o PAC de Quiroga. Alí dous médicos atenden as urxencias nocturnas da capital da comarca, do pequeno municipio de Ribas de Sil e do de Folgoso. As condicións orográficas son o gran problema. Dende algunhas aldeas do Courel tárdase unha hora en chegar até este PAC empregando medios de automoción particulares. Unha vez alí, o médico ten que decidir se o doente precisa maior atención sanitaria, o que supón unha nova viaxe até o hospital comarcal de Monforte. A situación agrávase especialmente no inverno debido ás habituais nevaradas.

Para SOS Courel as características especiais do Courel e o avellantamento poboacional xustifican a necesidade de contar cun médico en horario nocturno. Por iso iniciaron unha campaña e dirixíronse ao Valedor do Pobo. Este departamento considera asumíbel a petición veciñal e xa manifestou que intercederá diante do Sergas. Mentres tanto, moitas aldeas deste municipio seguirán a estar a unha hora do médico máis próximo.


4,4/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: