Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Sinaturas e campaña na internet

Persoal da CRTVG exixe consolidar o seu emprego, fronte á dirección e aos sindicatos

A oferta pública é a única "posibilidade real" de resolver a situación dun dos medios públicos con máis precariedade laboral, di o director xeral.

Redacción - 10:00 27/02/2010

Unha representación de traballadoras e traballadores da CRTVG e mais da radio e da televisión públicas presentaron no rexistro da Presidencia da Xunta un escrito reclamando a consolidación real do emprego na compañía para "darlle unha solución definitiva e satisfactoria ao conflito xerado polo uso abusivo e fraudulento da contratación temporal".

Os impulsores do texto, avalado con 370 sinaturas, que se suman ás 562 que se presentaran durante o anterior mandato, denuncian que o ente, coa complicidade dos sindicatos CC OO, UXT, USO e CIG, pretende poñer en práctica un ERE encuberto que supoñerá despedir 300 traballadores, aínda que se presenta como a estabilización de 220 postos.

Critican, ademais, que os sindicatos con representación nas tres empresas rexeitasen, por considerala ilegal, unha consolidación de emprego semellante ás de entes públicos como o catalán ou o andaluz e despois lle desen o visto e prace a outra destinada aos funcionarios. Engade, ademais, que o proceso de consolidación da Radio Televisión Andaluza foi avalado polo Tribunal Supremo.

Os traballadores aseguran que nin a empresa nin os sindicatos lles deron resposta ás súas demandas. A última oferta pública de emprego na CRTVG tivo lugar en 1992. Dende aquela, a empresa está a ser condenada reiteradamente nos tribunais do social "pola manifesta contratación fraudulenta". De feito, apuntan que este semestre se enfrontará a 200 xuízos.

Aseguran, ademais, que se está a incrementar cada vez máis a externalización de programas, que non se substitúen as baixas por enfermidade e non se renovan os contratos por obra. E iso, tendo en conta, ademais, que a CRTVG é o ente con menos persoal fixo de todas as televisións autonómicas históricas e a de menor orzamento, xunto con Telemadrid, polo que solicitan renegociar o convenio colectivo da CRTVG e asegurar a estabilidade laboral na nova lei da televisión pública. O colectivo dispón dunha web e dun grupo no Facebook.

Resposta do director xeral
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, asegurou no Parlamento que a oferta pública de "consolidación de emprego" é "a única posibilidade real de solucionar a precariedade" laboral na compañía pública. Sánchez Izquierdo recoñeceu que "moitos dos instrumentos legais que manexa a CRTVG non son os axeitados" e anunciou que está a "deseñar unha estrutura profesional e retributiva" que favoreza "a motivación e a polivalencia funcional" do cadro de persoal.

O responsábel dos medios públicos asegurou que "todo isto debería ir camiño dun contorno de alixeiramento da estrutura de custos e dunha sólida desburocratización da empresa". Ao seu xuízo, a única solución é "a execución dunha Oferta Pública de Emprego", e que para que a consolidación sexa "real" haberalles que dar aos méritos "o máximo peso que a lexislación vixente permita", que é o 40% da puntuación máxima da oposición.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: