Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Desatención

O Courel, esquecido por Sanidade

SOS Courel inicia unha campaña de envío de correos para denunciar a carencia de atención sanitaria nocturna, o que obriga a un longo desprazamento até Monforte.

Redacción - 11:42 26/02/2010

SOS Courel puxo en marcha unha campaña de denuncia da situación sanitaria que está a sufrir a bisbarra. Dende a sinatura do pacto de urxencias extrahospitalarias de Galiza, no ano 2001, o Courel quedou sen atención polas noites, malia ser considerado unha Zona Especial, polas súas características socioeconómicas e orográficas.

A entidade asegura que o Courel está a máis de tres horas de distancia do hospital máis próximo, o de Monforte de Lemos, dende o momento en que se activa a emerxencia até que se recibe atención especializada. Despois de sufrir esa falta de atención durante nove anos, anima a que todas as persoas inicien unha campaña de envío de correos electrónicos ao Sergas, ao Valedor do Pobo e aos sindicatos da sanidade para conciencialos dese problema.

No texto, lémbrase que o concello de Folgoso do Courel foi recoñecido como zona de montaña, o que lle garante constitucionalmente un "tratamento especial", que evita que se realicen "reestruturacións de servizos e de equipamentos que supoñan unha supresión ou diminución de persoal ou de medios". Isto non evitou que no ano 2002 se eliminasen as gardas médicas no concello, segundo indica a mensaxe, respectando un pacto entre a Xunta e as centrais sindicais, que deixaron o Courel sen asistencia entre as 10 da noite e as oito da mañá.

As circunstancias son aínda máis complicadas se se ten en conta que o Courel fica pechado pola neve varias veces ao ano, o que coincide normalmente coa noite. Ademais, SOS Courel asegura que as ambulancias deben dar "un arrodeo innecesario" por Quiroga, o que fai perder máis dunha hora e media até chegar ao hospital de Monforte.

Culpa, ademais, a falta dun servizo sanitario axeitado de ser unha das causas do despoboamento do concello, habitado principalmente por persoas maiores de 60 anos. Moitos habitantes vense obrigados a abandonar o Courel para vivir noutras vilas que lles ofrecen seguridade asistencial.

Para solucionar estas eivas, pídelle á Xunta de Galicia unha mellora da atención primaria nas zonas rurais, que os facultativos poidan dispoñer de servizos como a telemedicina e que se melloren as urxencias médicas nas zonas máis illadas.


4,73/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: