Os grupos políticos acordan que sexa obrigatorio xustificar documentalmente cada desprazamento para cobrar a indemnización.
Como evitar que algún deputado empregue a picaresca para cobrar varios miles de euros a maiores cada ano de xeito irregular? Esta é a pregunta que circula polo Parlamento logo de que os medios de comunicación desvelasen que hai políticos que cobran dietas por desprazamento a pesar de acudir de balde en coches oficiais. Logo da choiva de críticas, a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, remitiu este xoves unha proposta aos tres grupos para eliminar os pagos automáticos das indemnizacións. A partir de agora, os deputados deberán xustificar cada desprazamento.
A proposta chega despois de que a máxima responsábel do Parlamento (tamén das contas) se entrevistase nos últimos días cos líderes dos grupos políticos. Agárdase que o documento, xa consensuado, poida aprobarse nun prazo breve e entrar en vigor durante o vindeiro mes de marzo.
A nova disposición prevé abonar os gastos que xeren os traslados dos deputados que non teñan ou non poidan empregar vehículo propio, mais non poderán execeder os xerados polo coche propio e previa xustificación documental.