Para conmemorar o Día do Consumidor, Adega chama a cidadanía e os concellos a participar dun apagón eléctrico.
En protesta contra a “suba abusiva que Endesa, Iberdrola e Fenosa-Gas Natural levaron a cabo nas súas tarifas eléctricas”, Adega chama este 15 de febreiro, Día do Consumidor, ao apagón xeral de electricidade. Será ás 10 da noite deste luns durante cinco minutos e o colectivo ecoloxista entende que é “a única forma que temos de loitar os consumidores contra estas prácticas abusivas”.
A chamada diríxese aos consumidores en xeral, mais tamén aos concellos. Os municipios son grandes consumidores de electricidade, polo que “as arcas municipais tamén van sufrir un incremento das tarifas eléctricas que acabaremos sufragando todos os contribuíntes”, di Adega ao tempo que engade: “non estamos reclamando que apaguen o alumeado público das rúas, mais si que apaguen aquel alumeado ornamental ou decorativo como campanarios de igrexas, monumentos ou pontes”.
Alén da protesta puntual, os ecoloxistas demandan que se optimice o alumeado público viario e ornamental a través da redacción de ordenanzas de eficiencia enerxética e loita contra a contaminación lumínica con medidas como a restrición de horarios, mudanzas no tipo de orientación das luminarias ou redución no seu número. Ademais, subliñan a responsabilidade das eléctricas na degradación ambiental (encoros, eólicas, nucleares) e no cambio climático (térmicas).