Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Campaña a prol da obxección fiscal

Ao pagar o IRPF, nin un peso para o exército

O orzamento militar deixa un furado medio de 50 millóns de euros por día na caixa do Estado. A través da declaración da renda hai xeito de protestar contra este desbalde.

Redacción - 11:30 11/02/2010

Pouca xente coñece este mecanismo de presión antimilitarista e son menos aínda as persoas que botan man del. Malia que advirten que a cifra real ha de ser maior, o colectivo que trata de centralizar os datos a nivel estatal ten constancia oficial de algo menos dun milleiro de obxectores fiscais ao gasto militar, destes, só catro en Galiza (2 persoas na provincia de Pontevedra e outras dúas nas da Coruña e Lugo).

Por este motivo, desde a Alternativa Antimilitarista – Movemento pola Obxección de Conciencia (AA-MOC), convidan a incrementar o esforzo en favor da divulgación das campañas pacifistas e poñer cadanseu gran de area "para construír a sociedade mellor". "Estamos en guerra, aínda que as bombas non caian nos nosos territorios nin chegue a salpicarnos a metralla, o Estado Español participa en conflitos militares en todo o mundo (Afganistán, Líbano, Haití, Somalia, Bosnia, Congo…), subvenciona a industria bélica con suculentas achegas públicas e fai negocio cos conflitos armados", denuncian.

Xesto simbólico, mais clave na presión antimilitarista
Baixo o lema "Nin un só euro para a guerra", explican desde a AA-MOC que calquera persoa pode optar pola obxección fiscal detraendo da súa declaración da renda unha cantidade de cartos e destinala a algún proxecto solidario. Á beira da declaración inclúese o xustificante do diñeiro desviado e unha carta explicándolle á delegación de Facenda o motivo.

Na web do Espazo Aberto Antimilitar de Vigo poden atopar tamén información sobre como facelo. Propoñen o desvío a proxectos alternativos e asociacións sociais ou culturais de calquera natureza de, ou ben unha cota porcentual equivalente á porcentaxe de Defensa nos Orzamentos Xerais do Estado (4,5%), ou ben unha cota fixa de 84 euros (a xeito simbólico en protesta polos 84 países empobrecidos pola débeda externa).

Recordan desde o colectivo que se trata dun acto de desobediencia civil ao Estado que en último término lle outorga a Facenda a capacidade de embargar a conta pola cantidade obxectada ou no seu caso de negar a devolución da cantidade equivalente reclamada. Pero, insisten, ben paga a pena o xesto de explicitar "o dereito a non contribuír cos nosos cartos á guerra". Xa que logo, o obxectivo a curto ou medio prazo é xustamente a legalización e regulación da obxección fiscal como un dereito máis a ser recoñecido polo Estado, canalizando os esforzos en favor da construción "dunha sociedade en paz e desmilitarizada".


4,69/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: