A falta substitutiva, que require o consentimento do acusado, obriga a prestar cooperación non retribuída en actividades de utilidade pública.
O Concello da Coruña permitirá substituír o cumprimento das penas de tráfico por traballos sociais en beneficio da comunidade. Segundo informou o goberno local, prevese que unhas 177 persoas se acollan ao programa cada ano, seguindo o exemplo doutras cidades.
Para facer posíbel esta medida, o alcalde coruñés, Xavier Losada, e a secretaria xeral de Institucións Penitenciarias, Mercedes Gallizo, asinaron este martes un convenio en Madrid. Así, poderanse conmutar na súa totalidade penas de cadea derivadas de delitos contra o tráfico e a seguridade viaria por traballos a prol da sociedade, como contempla o Código Penal.
A pena substitutiva, que require o consentimento do acusado, obriga a prestar cooperación non retribuída en actividades de utilidade pública, o que se traduce nun determinado número de xornadas de traballo. O seu obxectivo é a reeducación e a reinserción social "sen substituír postos de traballo nin competir co mercado laboral", explica o Concello da Coruña.
As persoas que se acollan á medida colaborarán en programas de educación viaria para escolares e persoas maiores, control de sinalizacións de tráfico, control de prazas de estacionamento para persoas con discapacidade, apoio a tarefas preventivas en Protección Civil e Bombeiros, colaboración con programas e actividades nos centros cívicos, control e axuda en obras públicas e atención ao público e mantemento nos museos científicos.
As xornadas de traballo poderán durar entre catro e oito horas calquera día da semana. Segundo o Concello, as persoas que se acollen a estas medidas adoitan ser "condenados na súa maior parte por delitos contra a seguridade do tráfico e cun traballo regularizado de oito horas". Polo xeral, o seu nivel de estudos é universitario ou de formación profesional.