Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Novo "portal anticapitalista"

Nace Diário Liberdade, "unha pequena embaixada galega nos países lusófonos"

Falamos con Diego Bernal, un dos responsábeis deste proxecto que pretende "dar voz aos que non teñen voz".

Fernando Arrizado - 10:00 09/02/2010

"Defender os intereses da maioría social" ou "dar voz aos que non teñen voz" son dous dos principais obxectivos de Diário Liberdade (DL), un novo proxecto comunicativo que saíu á luz este martes, e que en palabras dun dos seus responsábeis, Diego Bernal, aspira a ser "unha pequena embaixada galega nos países lusófonos, que permita -por exemplo, a un angolano- saber o que é Galiza".

De feito, DL autodefínese como "portal anticapitalista da Galiza e os países lusófonos". Este primeiro concepto, a loita contra o sistema de relacións económicas e humanas vixente na nosa sociedade, e mailo uso do galego son os dous únicos requisitos para ter cabida na web, comenta Bernal, que asegura ademais que "non pretende ser voceiro de corrente política ningunha".

"No mundo lusófono, e galego particularmente, non había páxinas que recollesen información sobre a actividade tan rica e plural que se xera nos movementos sociais, ou que é silenciada polos medios burgueses". Eis a motivación que levou "un pequeno grupo" de persoas a crear o portal, cun referente claro e confesado, kaosenlared.org, do que mesmo tiraron a súa estrutura fundacional, como Asociación Cultural.

En definitiva, DL quérese converter nunha ferramenta que permita visibilizar a "actividade humanista, desinteresada, de todas esas persoas organizadas que dedican tantas horas a combater o capitalismo desde a esquerda", e ofrecer a "lectores con conciencia social e identitaria" esa información "recompilada, para que non teñan que ir mudando de web", afirma este responsábel.

"Proxecto impensábel no mundo vasco ou catalán"

Desde DL gábanse de "termos unha lingua internacional". Ao respecto, Bernal salienta que "este proxecto sería impensábel no mundo vasco ou catalán". "Ademais, permítenos achegar Galiza ao espazo cultural que lle corresponde e arredalo do hispánico, que lle foi imposto. E en pé de igualdade con outras nacións, que a diferenza de nós teñen estado, como Portugal e Brasil", engade.

Destes dous países son algúns dos seus colaboradores, que fan parte dunha lista que "ha ir aumentando co tempo". E tempo, precisamente, e o de lecer, concretamente, é que lle adican Bernal e os seus compañeiros, xa que o portal -din- nace "sen ánimo de lucro", aínda que "con vontade de medrar. Humildemente, mais con moitas ganas de traballar", asegura o Diego Bernal.


4,08/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: