Un cento de persoas participou en Caranza nun acto na lembranza do que fora primeiro coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia.
Carmelo Teixeiro, encabezando unha manifestación / A. Saavedra-T. Domínguez
Case un cento de persoas participaron este sábado en Ferrol nunha homenaxe a Carmelo Teixeiro, coincidindo co segundo cabodano do seu pasamento. O acto estivo organizado polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría, do que Teixeiro fora coordinador.
A homenaxe tivo lugar en Caranza, xunto aos tres carballos plantados na lembranza de Carmelo Teixeiro, no parque que leva o seu nome. As persoas participantes depositaron un caravel no mar e amosaron o seu compromiso coa loita emprendida por Teixeiro: conseguir que un día remate a ameaza para a ría, representada pola planta de Reganosa.
Falaron do seu compromiso e da súa entrega Luz Mariña Torrente, presidenta da Asociación de Veciños O Cruceiro de Meá e Eliseo Zaera, presidente do Ateneo Ferrolán, ambos os dous membros do Comité Cidadán de Emerxencia. Así mesmo, rendéuselle unha homenaxe poética e musical. Pin Patinho cantou unha versión feita por Xan Tavía dun poema de Marica Campo dedicado a Carmelo. Acompañaron as gaitas de André e Agullo, da Revolta, e o violín de Estrela Gómez con música de Bach.