Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reunión con De la Vega

Feijoo está disposto a "negociar" a Lei de Caixas

O ministro de Xustiza xustificou o recurso presentado, aínda que ve "posibilidades" de acordo. O BNG reafírmase contra a paralización da fusión.

Redacción - 13:00 06/02/2010



O presidente da Xunta mantén este sábado unha xuntanza en Compostela coa vicepresidenta do goberno español, María Teresa Fernández de la Vega, dentro da rolda de contactos coas distintas comunidades autónomas para examinar os obxectivos da presidencia da Unión Europea. Non obstante, o tema do recurso presentado contra a Lei de Caixas terá un especial protagonismo nesta reunión.

Núñez Feijoo manifestou a súa vontade de negociar co goberno español e amosouse disposto a modificar aspectos puntuais ou técnicos da normativa, aínda que advertiu de que non aceptará "recortes" que freen "principios" aceptados noutras autonomías.

Acto en Vigo
Feijoo defendeu en Vigo nun acto público a fusión entre as dúas caixas como a mellor opción para que Galiza siga presente no sistema financeiro. Perante arredor de mil persoas, Feijoo defendeu que a fusión sexa "paritaria e igualitaria", incidindo en que a Xunta non aceptará unha "absorción". Nese senso, lembrou que a mesma discusión xa se vivira cando se constituíra Caixanova.

Porén, as persoas que participaron no encontro prestáronlle un especial interese a coñecer cal sería a sede da caixa fusionada. Feijoo explicou que tanto Vigo como A Coruña teñen "unha historia e uns dereitos que facer prevalecer", e destacou que as dúas "teñen que ter representación e sedes, pois estaría a financeira, a corporativa e a da obra social".

Caamaño ve posibilidades de acordo
En representación do goberno español, o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, xustificou o recurso de inconstitucionalidade por ser un intento de "defender" as competencias do Banco de España. Tamén se amosou convencido da "posibilidade" de chegar a un acordo e avogou por que as dúas administracións sentasen a negociar.

Negou que o movemento se debese a intereses políticos e apuntou que o Banco de España é a única institución "que conta realmente con toda a información para gobernar o sistema financeiro e exercer as súas competencias nesta materia que é a da solvencia". Amosouse convencido de que, se se "salvagardan" as competencias do banco estatal, "chegarase a un acordo como o que se chegou coa Comunidade de Madrid".

O BNG non quere que se paralice a fusión
Despois da sinatura do manifesto a prol da fusión das caixas do país, apoiado polo PPdeG, o BNG, a patronal e os sindicatos, continúan as reaccións arredor do recurso de inconstitucionalidade anunciado polo goberno español contra a lei galega. O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou este sábado que a decisión do Consello de Ministros é un intento "inxusto e inxustificado" de "expatriar" o aforro da cidadanía galega.

Logo dunha xuntanza extraordinaria da Executiva nacionalista, Vázquez expresou a "firme vontade" da formación de "facer o posíbel para impedir" que se produza a "parálise" do proceso de fusión de Caixa Galicia e de Caixanova, que pode levar a "propiciar a súa absorción" por entidades foráneas.

Vázquez reclamou unha "reacción" política e social. Por iso, volveulle pedir ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que presente un recurso de inconstitucionalidade contra o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), que "claramente invade as competencias galegas" e que vete "calquera fusión ou SIP con caixas foráneas".


4,5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: