Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OUTRO ERE

A construtora do presidente da Cámara de Pontevedra despide todo o persoal

Casas Novas declárase insolvente, abandona as súas obras en activo e deixa na rúa os seus 51 traballadores.

Redacción - 12:25 26/01/2010
Ricardo Mirón é ademais presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra

Ricardo Mirón é ademais presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra

A Construtora Casas Novas, propiedade do presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Ricardo Mirón, comunicou ao persoal a súa intención de pechar de inmediato, para o que despedirá os 51 traballadores. En suspensión de pagos dende o pasado outubro, presenta agora un novo ERE con extinción de contrato para todo o cadro de persoal (24 xa estaban sumidos nun expediente de regulación de emprego).

A empresa propón agora a disolución definitiva, o que tamén levarían canda si a anulación dos contratos das tres obras que aínda ten en marcha (en Pontevedra, Allariz e Cenlle). O Xulgado do Mercantil Número 1 de Pontevedra terá agora que pronunciarse sobre a aceptación a trámite desta opción, tendo en conta que os administradores concursais aínda non resolveron o informe do concurso anterior.

Os sindicatos sospeitan da insolvencia de Mirón
A intención de Casas Novas é alegar falta de liquidez e declararse insolvente, de xeito que sexa o Fondo de Garantía Social (Fogasa) quen asuma as indemnizacións dos traballadores. Porén, no mellor dos casos, este organismo abonará 20 días por ano traballado a cada un dos traballadores, cando o empresario tería que abonar o dobre polos despedimentos.

“Foi un anuncio unilateral e que chega de repente”, asegura o responsábel da CIG-Construcción, Xaquín Agulla, quen explica que a intención de Mirón é a de declararse insolvente. “Non nos cremos o da insolvencia”, di, “a súa estratexia é liquidar Casas Novas para salvar a outra empresa, a promotora inmobiliaria Os Regos, a onde sospeitamos que derivaron todos os cartos”.

Os traballadores xa convocaron unha folga para o vindeiro mércores para exixir os seus dereitos e adiantan que non permitirán “que un representante empresarial como Ricardo Mirón faga o que queira sen consecuencias para o seu prestixio”.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: