O Consello da Xuventude -que recibiu un ataque ao seu portal- aprobou a proposta presentada por Galiza Nova.
A asemblea do Consello da Xuventude (CXG) aprobou este sábado unha proposta de urxencia presentada por Galiza Nova coa que se suma ás críticas contra as bases do decreto do plurilingüismo.
Ao respecto, a secretaria xeral das xuventudes do BNG, Iria Aboi, considerou "moi positivo" que o CXG se unise ao conxunto de institucións galegas que se opoñen ao texto elaborado pola Xunta. "Agardamos que con esta resolución o PP paralice este borrador e escoite os milleiros de mozos e mozas que se mobilizaron o pasado xoves co único obxectivo de que non se lexisle en contra da lingua propia de Galiza", sinalou.
A resolución do Consello exixe "o retorno aos consensos sociais e lingüísticos alcanzados co Plan Xeral de Normalización Lingüística e co decreto de 2007". Nesta liña, entende que a Xunta, "como institución encargada da protección e promoción da lingua galega, non pode lexislar en contra da lingua propia de Galiza".
Ataque á web do CXG
Por outra banda, a web do CXG foi obxecto dun ataque que asina 1923Turk. Na mesma pódese ler: ! ..HacKeD !! Efeler Özel Harekat Grup Komutanlığı !!.. / ..!! Zombie ..! KroNiCkq ..! DigitALL ..! _aL_Bayraqim_ ..! NoFearx38 ..! / ..! AdminTurk ..! Vatanay ..!TurkishWarriorr..! DJ_KAHİR ..! Bilge Kagan ..! / !!..Türk oğlu, !!..Turk kızı Turklugunu koru!.. !!.. / !! ..HacKeD By !! .. _aL_Bayraqim_ .. !!.. / 1923Turk.