A Xunta asegura que acudirá até o alto tribunal para “defender Galiza” se non hai acordo co Estado sobre o FROB.
O Goberno aínda non ten noticias sobre cando se celebrará a prometida comisión bilateral (entre Xunta e Estado) para analizar a achega que o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) podería facer na fusión das dúas caixas galegas: Caixa Galicia e Caixanova. Así o asegurou nunha entrevista na televisión pública, Alfonso Rueda, quen confirmou que, de non haber acordo, o Goberno acudirá ao Tribunal Constitucional.
A Xunta agarda a convocatoria desta comisión bilateral dende o pasado setembro, mais o Ministerio de Economía non nomeou aínda os seus interlocutores (cousa que si fixo o Goberno en outubro). Con todo, prevese que se poida celebrar en febreiro e o propio Rueda manifestou o seu desexo de que “así sexa”.
Posicionamento do Banco de España
O plan de axuda á banca que aprobaran no pasado mes de xullo PSOE e PP no Congreso, coñecido como o FROB, podería facer unha achega de até 1.200 millóns de euros (segundo o límite marcado pola propia Unión Europea), mais leva canda si variados problemas políticos. A guerra abertamente desatada entre ambas entidades, partidos políticos, os concellos de Vigo e A Coruña ou os propios medios de comunicación entre partidarios e detractores da fusión enfronta tamén á Xunta e ó Banco de España, nas figuras dos seus máximos responsábeis, Alberto Núñez Feijoo e Miguel Ángel Fernández Ordóñez. O primeiro defende agora unha clara postura de impulso á operación, mais o segundo aposta tamén abertamente polas operacións “interrexionais”.
A Xunta entende que o fondo, tal e como está redactado, recorta competencias a Galiza en favor do Banco de España. De feito, segundo o texto, o supervisor pode chegar a impoñer unha alianza que tome eses fondos públicos, deixando como única posibilidade que o Goberno emita un informe, mais que non sería vinculante, no prazo de dez días. Esta é a cuestión que xera dúbidas na Xunta, que agora confirma que, de darse o caso, acudiría sen reservas ante o Tribunal Constitucional. “Agardamos que o Banco de España actúe con obxectividade”, insistiu Rueda, “dando o mesmo trato a Galiza que a Cataluña ou Andalucía”.
Caballero desconfía de Caja Madrid
Pola súa parte, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu referirse este venres á cuestión das caixas criticando que as entidades aínda non teñan no seu poder a auditoría elaborada pola consultora externa (KPMG) sobre a fusión para poder “contrastar” e “argumentar” os datos.
A maiores, o rexedor vigués confesou o seu temor a que a posíbel entidade resultante da fusión sexa “absorbida” finalmente por Caja Madrid e exixiu ao presidente da Xunta que “conte as súas conversas” cos responsábeis da caixa madrileña.