O IPC mantívose invariábel en decembro e 2009 pechou cunha taxa interanual do 0,9%. O maior ascenso nos prezos no último mes produciuse no ocio e na cultura.
Logo da suba de seis décimas en novembro e do 1,1% en outubro, os prezos mantivéronse invariábeis no mes de decembro. O Índice de Prezos ao Consumo (IPC) pecha así o ano en positivo, cunha taxa internual do 0,9%, segundo os datos ofrecidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
O comportamento dos prezos sitúa a Galiza entre as cinco comunidades autónomas que experimetnaron as taxas máis elevadas de inflación, logo de Cataluña (+1,2%), Euskadi (+1%), Cantabria (+1%) e Madrid (+0,9%). Mentres, no Estado Español o IPC pechou 2009 no 0,8%, a cifra máis baixa dende 1962, primeiro ano do que se dispoñen datos.
Ocio e cultura
No último mes do ano, o maior incremento de prezos experimentouse no ocio e na cultura (+1,1%), seguido polo enxoval (+0,3%); alimentos e bebidas non alcohólicas (+0,2%) e vivenda (+0,1%). Estas subidas víronse compensadas polos descensos no vestido e no calzado (-1,2%); transporte (-0,5%); e hoteis, cafés e restaurantes e medicina (-0,1%).
No conxunto do ano, o maior aumento experimentárono as bebidas alcohólicas e o tabaco (+11,3%), seguidos polo transporte (+4,1%); ensino (+2,6%); o grupo outros (+1,9%); hoteis, cafés e restaurantes (+1,8%). A principal caída foi a dos alimentos e bebidas non alcohólicas (-2%).
No conxunto de 2009, a maior taxa de inflación localizouse na provincia da Coruña (+1,2%), seguida pola de Pontevedra (+0,9%); Lugo (+0,7%) e Ourense (+0,5%).