Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Continúa o risco nos montes

Rematou (?) a tempada de caza

Oficialmente o Día de Reises era o derradeiro hábil, mais o sábado comezan os "Campionatos de Caza do Raposo".

Redacción - 11:00 08/01/2010

O pasado Día de Reises era o derradeiro día hábil da actual tempada de caza 2009/2010. No entanto, diversas asociacións ecoloxistas que comparten os postulados de Matar por Matar, Non remitiron un comunicado aos medios no que alertan do perigo que segue a ter pasear polo monte "pensando que rematou o risco que implican os disparos dos cazadores".

A razón, argumentan, é que a partir deste sábado comezan os "Campionatos de Caza de Raposo" en todo o país. "Sen aviso previo", din. "O perigo estriba no feito de que, unha actividade que antes se publicitaba como un grande 'acontecemento' por parte da Federación Galega de Caza (FGC), na actualidade agóchase co máis absoluto sixilo para evitar o rexeitamento da poboación e a defensa dos animais que levan a cabo as asociacións ecoloxistas".

De feito, estes 'campionatos' realízanse todos os anos en Galiza (entre outros, os campionatos galego e estatal), debido á imposibilidade e aos custos que representaría tentar realizalos en calquera outro lugar do Estado, onde non se permiten ou os 'competidores' terían que abonar elevadas taxas, explican os asinantes do comunicado.

"Desde as asociacións ecoloxistas que, un ano máis, mostraremos o noso rexeitamento a tan cruel, sanguento e anacrónico evento, travestido de 'deporte', queremos recomendar a máxima cautela aos amantes do monte e da fauna, así como o máis absoluto rexeitamento, tanto a este tipo de concursos de matar animais, como ás imprudentes e temerarias prácticas secretistas da FGC", sinalan.

Publicidade
Ademais, reclaman que cando menos "mentres non se prohiba definitivamente tan aberrante acontecemento, se outorgue, por parte da Consellaría de Medio Rural, a máxima difusión a estes 'eventos' ao obxecto de velar pola seguridade das persoas que desexan frecuentar o monte pacificamente e sen riscos".

Asinan o documento: ABEIRO, ADEGA, Amigos da Terra, Amigos de los Animales, Asturias Verde, ASCEL, CES Salnés, Centro Social A Formiga, Coto do Frade, Eucaliptos NON, Federacion Ecoloxista Galega, Fin del maltrato animal, Fundación Altarriba, GAS Vigo, Huellas Cantabria, LIBERA, Salva o Tren, SGHN, SOS Courel e Verdegaia.


Ligazóns

5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: