As medidas propostas polo goberno español para evitar as descargas de arquivos con dereitos de autor pasan polo xuíz, que terá que asumir un procedemento rápido.
O texto en que traballa o goberno español para impedir as descargas de contidos protexidos por dereitos de autor podería permitir que se pechen webs no prazo dun mes a proposta da Comisión de Propiedade Intelectual. Diversos blogs fanse eco dunha información publicada no xornal El País onde se explica cal será o trámite.
O mecanismo, que se pretende introducir na Lei de Economía Sustentábel, determina que teña que ser unha autoridade xudicial a que decida o peche das webs de descargas, mais será mediante un procedemento rápido. O xuíz non entraría no fondo do asunto, senón que só se tería que pronunciar sobre se o organismo solicitante é pertinente e se a suspensión non vulnera dereitos fundamentais.
A comisión encargada de acusar webs estaría composta por expertos "independentes", como maxistrados, avogados e representantes do mundo da cultura e da internet. Segundo o artigo aludido, o trámite dende o momento da solicitude da comisión poderase alongar, como moito, un mes ou, "en casos especiais, incluso unha semana". Os administradores da web terán un prazo para suprimir os elementos "ilícitos" das páxinas afectadas antes da medida cautelar, que podería ser de tres días, como acontece coa publicidade enganosa.