Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Prioridades normativas

A UE propón un novo modelo contra as descargas "ilegais"

A eurocomisaria de Telecomunicacións, Viviane Reding, avoga por acadar o complicado equilibrio entre o acceso aos contidos e a remuneración aos autores.

Redacción - 12:00 10/07/2009
Viviane Reding

Viviane Reding

A comisaria de Telecomunicacións e de Sociedade da Información da Unión Europea, Viviane Reding, expuxo este xoves o seu convencemento de que a UE precisa unhas normas comúns que regulen as descargas de contidos a través da rede que permitan o acceso á cultura "sen recorrer á pirataría". Entre as prioridades para os vindeiros cinco anos estará a de redacar novas leis que reconcilien os intereses da propiedade intelectual e dos internautas.

A eurocomisaria dixo que a súa principal prioridade será traballar nun marco legal sinxelo para favorecer o consumo e o acceso aos contidos dixitais no mercado único europeo, ao tempo que garantir unha xusta remuneración para as persoas creadoras.

Segundo Reding, as leis actuais están mal redactadas, porque parece que obrigan a que a xente, especialmente os "nativos dixitais", a se converter en piratas de internet. Nun seminario organizado polo Consello de Lisboa, a comisaria afirmou que a "crecente pirataría na internet" supón "un voto de censura" ás leis e modelos de negocio vixentes.

Máis medidas
A eurocomisaria, que podería renovar o seu mandato a finais de ano, dixo que outra das súas prioridades será fomentar a dixitalización de libros e acadar o 90%, favorecer os pagamentos a través de teléfonos móbiles mediante normativas comúns, e popularizar as videoconferencias como alternativa ás viaxes de negocios e, ao tempo, un xeito de evitar a emisión de gases contaminantes. Segundo Reding, só con substituír unha quinta parte das viaxes de negocio por videoconferencias, aforraríanse máis de 22 millóns de toneladas de CO2 ao ano.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: