Continental presentou a aplicación iMotion Comic do cómic 'Quotidiania Delirante' de Miguelanxo Prado. Estará dispoñíbel en xaneiro para Apple.
Continental Games e Costa Oeste desenvolveron a primeira banda deseñada interactiva, ademais feita no país. A aplicación, denominada iMotion Comic e dispoñíbel para a plataforma móbil de Apple, poderase obter a mediados de xaneiro para un público potencial de 40 millóns de persoas de todo o mundo.
O encargado de presentar o produto foi o director da área de videoxogos de Continental, Calros Fernández, quen afirmou que esta aplicación, baseada nun formato de cómic "interactivo", narrado e con efectos que "non ten precedentes a nivel internacional". Unha spin-off da USC, Paralaxe Multimedia and Virtual System, participou tamén no desenvolvemento da tecnoloxía.
O produto galego estrearase coa dixitalización da obra Quotidiania Delirante, de Miguelanxo Prado. Distribuirase a través da AppStore de Apple a máis de 70 países "sen necesidade de intermediarios". A aplicación enriquece a banda deseñada con animacións, opcións de idioma, efectos especiais, banda sonora e narración "respectando a esencia" do formato gráfico.
A primeira das 40 historias da Quotidiania Delirante poderase descargar de balde, con narración en inglés e textos en galego, castelán, inglés e francés, na segunda metade de xaneiro. A empresa xa ten preparadas as dúas seguintes historias e prevé ampliar as posibilidades de idioma, tanto no texto como no audio.
O presidente de Continental, Pancho Casal, confiou na "oportunidade" que supón "crear desde Galiza unha industria punteira" para se converter nunha "referencia absoluta" internacional do iMotion Comic.