Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Obras na central de Santo Estevo

Feble estudo ambiental de Iberdrola e agoiros económicos na Ribeira Sacra

Os ecoloxistas ven pouco serio o informe, que non repara nas posíbeis afeccións ao microclima vitícola.

Redacción - 17:45 21/12/2009

"É moi importante que se informe sobre as tormentas técnicas locais de tipo torrencial asociadas á presenza dunha gran superficie de auga encorada, e que pode facer varias as características das vides e do seu produto". É un dos puntos sobre os que chama a atención o colectivo ecoloxista Amigos da Terra, ao respecto do estudo de impacto ambiental co que se xustifican as obras do aproveitamento hidroeléctrico de Santo Estevo II.

Chama a atención o colectivo sobre o feito de que no devandito estudo se considerasen a fase de construción e funcionamento da obra como "compatíbeis" coa actividade turística, cando na práctica xa se coñece da paralización da actividade dos propios catamaráns turísticos para o ano Xacobeo que en breve se inicia. A declaración de impacto ambiental, denuncian os ecoloxistas, limítase a minimizar a previsión de molestias aos visitantes á zona polo paso dos camións que traballan nas obras.

Hai un ano e durante a presentación da Plataforma en Defensa da Ribeira Sacra, a rede de colectivos impulsora xa chamaba a atención sobre o problema. Avisaba a plataforma de que os proxectos de ampliación das turbinas dos encoros de Os Peares, Belesar, Santa Cristina, Santo Estevo e San Pedro de Ribas de Sil supoñen "unha agresión inadmisíbel" ao patrimonio natural da Ribeira Sacra e ademais "van paralizar un dos principais atractivos turísticos da zona como son os catamaráns turísticos". "Está previsto que as obras destes encoros teñan unha grande duración (de 5 a 7 anos) o que suporá sen dúbida un gran atranco para o turismo sustentábel e a economía da zona", criticaban a comezos de 2009.

Coa beizón do goberno español
Amigos da Terra quéixase de que desde o Ministerio de Medio Ambiente se continúe xustificando a obra de Santo Estevo II polo "interese xeral" cando, recordan os activistas, "xa é público o propósito de Iberdrola de exportar a Portugal a enerxía producida e redundando os beneficios económicos na propia empresa e nas administracións outorgantes das licenzas". "Os conceptos de utilidade pública e de interese xeral non son cláusulas retóricas senón auténticos conceptos xurídicos que vinculan aos poderes públicos", subliñan, laiándose de que se realice unha "banal interpretación" e unha invocación "caprichosa" do concepto de interese xeral.

Doutra banda, a asociación ecoloxista volve advertir sobre o presunto incrumprimento que a empresa responsábel das obras, Iberdrola, estaría facendo respecto do pago do tributo ecolóxico que regula lei pola que se someten a tributación os efectos medioambientais causados sobre a flora e a fauna das canles dos ríos, os efectos sobre a calidade das augas e sobre os vales asociados ao ecosistema fluvial, e a realización de determinadas actividades que empregan augas encoradas. Ao fío, critican a celeridade da Fiscalía no arquivo das denuncias presentadas que reclamaban o estudo de "certas irregularidades que deberan ser investigadas máis profundamente".


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: