Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Número cero da revista 'Estega'

'Que facemos coa lingua?'

O sindicato STEG analiza a cuestión nun monográfico que conta coa colaboración de Sechu Sende, Valentina Formoso, Nel Vidal e Valentim R. Fagim, entre outros.

Redacción - 10:00 20/12/2009
Imaxe tirada da revista

Imaxe tirada da revista

O sindicato STEG acaba de publicar o número cero da revista Estega: escola pública galega / información e debate, que nesta primeira edición aborda a cuestión do galego no ensino: o monográfico leva por título Que facemos coa lingua?.

A situación actual do idioma e a normalización lingüística, son os temas principais que tratan os diversos colaboradores. Neste caso, Sechu Sende, Valentina Formoso, Nel Vidal, Emilio Insua, Miguel Louzao, Valentim R. Fagim, Ana Mª Pérez Rico, Pablo Gamallo, Carlos Negro, así como representantes dos colexios Emilia Pardo Bazán, da Coruña, e Cruceiro de Canido, de Ferrol.

“Decálogo d@ profe de língua”, “A oralidade transmítese no berce da emoción”, “Cambiagalicia, unha idea para cambiar un país”, “Ser língua nom é fácil” ou “O mito erótico de Galicia Bilingüe e do galeguismo, a Finlândia” son os títulos dalgúns dos contidos deste monográfico do que se editaron catro mil exemplares ás portas da presentación dun novo decreto.

Precisamente, segundo aseguran desde o sindicato STEG, remitíuselles tamén ao conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e ao secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, cadanseu volume deste especial Que facemos coa lingua?.

Reflexión e debate pausado”
O obxectivo da revista é o da “reflexión e debate pausado e pensado”, segundo apuntan no seu editorial. “Un plus de obra colectiva con nome e apelidos, en tempos de comentarios persoais que aproveitan o anonimato para insultar ou desvariar, de reflexión en tempos nos que prima dar a opinión máis repentista, arroutada e irreflexiva”, apuntan.

Ademais, pretenden “tratar temas desde ópticas educativas e profesionais, non desde ópticas xornalísticas, políticas, económicas ou sociais, exclusivamente; invadidos como estamos polo discurso educativo que nos chega desde fóra deste ámbito”.

Na redacción de Estega -que non oculta que “edita un sindicato”, mais que “lonxe de ser negativo, ten o valor de representar unha obra colectiva, feita por unha parte do profesorado galego, directamente”- participan Pepe Cabido, Sonia F. Casal, Alfredo Iglesias, Francisco Legaspi e Gelo P. Portomeñe. Serxio Suárez Bandín encárgase do proxecto gráfico e da maquetación.


4,55/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: