A Autovía das Rías Baixas, áreas do interior de Ourense, Chantada e a zona do Deza, as máis afectadas.
Neve nas murallas de Lugo, na webcam da CRTVG
A xornada de alerta laranxa por neve en todo o país estase a desenvolver con menos incidencias das agoiradas. Só se produciron precipitacións en forma de neve nas zonas máis altas do interior, onde este meteoro é habitual durante o inverno.
As principais incidencias estanse a producir no tráfico. Segundo a web da DGT, hai nivel de circulación verde por neve en varios puntos da Autovía das Rías Baixas, ao seu paso pola Canda, Gundiás, Melón e As Estibadas. Hai neve tamén en Covelo, na OU-533, e no alto do Rodicio, na OU-536. Ese mesmo nivel verde por neve rexístrase na OU-540 ao seu paso por Vieiro e na AG-53, no Carballiño.
Hai que estremar máis aínda a precaución, con nivel vermello por xeo, na PO-534, en Cachafeiro, entre os quilómetros 15 e 25, e en Silleda, na EP-7201. Tamén por xeo, pero nivel amarelo, en Dozón, na AG-53. En Chantada, a neve provoca circulación moi lenta no punto quilométrico 39,5 da CG-2.1. Por último, é preciso o uso de cadeas en Beariz e en Vilaza.
Máis información actualizada na web da DGT.
As previsións de Meteogalicia son que o temporal de neve tenda a remitir ao longo do día e lle deixe paso á chuvia.