Velaí a pregunta que os veciños de 170 localidades catalás atoparán este domingo na papeleta do referendo.
Serán arredor de 700 mil cidadáns en 170 poboacións os chamados a votar o próximo domingo 13 de decembro en Cataluña no referendo sobre a independencia. Un total de 20 mil voluntarios atenderán 500 mesas electorais repartidas en todo o país.
"A chama do independentismo vaise estender". Subliñábao este sábado Ramón Vilalta, o alcalde de Sant Jaume de Frontanyà, o máis pequeno concello de Cataluña, que de xeito simbólico celebrou a súa votación na véspera da xornada de referendo que este domingo leva a pregunta a arredor de 700 mil cidadáns en 170 localidades diferentes. A xornada contará co apoio de 20 mil voluntarios que atenderán 500 mesas electorais repartidas en todo o país. Nesa primeira votación en Sant Jaume de Frontanyà, e con só 24 veciños censados, acudiron ás urnas 19 dos 21 con dereito a voto (os outros tres son menores de idade). Revisadas as 19 papeletas, o reconto: 18 votos para o "si" e un só voto para o "non". "Un éxito fabuloso", valorou Vilalta, para quen esta experiencia é un chanzo clave para "ampliar a conciencia" cidadá ao respecto da necesidade de que, nun futuro, poida realizarse unha consulta oficial e vinculante sobre a independencia de Cataluña.
A faísca que trouxo á lumeirada democrática deste 13 de decembro acendérase o pasado mes de setembro na localidade de Arenys de Munt. Aló, o electorado votou masivamente a prol da independencia de Cataluña. Un 41% do censo de 2.671 votantes potenciais acudiu ás urnas, saíndo o "si" maioritario cun 96% dos votos. O éxito daquela xornada e o propio debate social aberto ao fío, animou á chamada Coordinadora per la Consulta sobre la Indepèndencia ao ambicioso despregue deste mes de decembro. Sen subvencións públicas e con só doazóns persoais e o traballo de voluntarios, Cataluña vivirá así unha auténtica festa democrática abrollada da sociedade civil catalá.
Para ampliar: