O xornal catalán culmina este domingo cun chat e cun debate televisado a ampla cobertura realizada nas últimas semana sobre os referendos arredistas en Cataluña.
700 mil electores están convocados
Arredor de 700 mil cidadáns de 170 poboacións están convocados ás urnas este domingo (Sant Jaume de Frontanyà, a vila máis pequena do país, vota o sábado por cuestións organizativas) para decidir en referendo sobre a independencia de Cataluña, tal e como fixeran o pasado 13 de setembro os habitantes de Arenys de Munt.
Durante todo este tempo, o xornal dixital Vilaweb vén realizando unha ampla cobertura informativa de todos os acontecementos que rodean esta iniciativa popular e que culminará na fin de semana cun importante despregamento de medios técnicos e humanos, aproveitando tamén o novo deseño da web. Falamos con Josep Casurellas, un seu redactor xefe.
Vieiros: Ademais da información acumulada durante este meses, especialmente na última semana, que van atopar os lectores de Vilaweb este sábado e domingo?
Josep Casurellas: Principalmente o domingo habemos estar moi atentos desde primeira hora a toda a información que se vaia dando ao longo da xornada de votación. Haberá unha aplicación, baseada no programa Cover it Live, onde irán aparecendo en tempo real todas as mensaxes do Facebook e do Twitter, que abriremos a todos os lectores a partir das 20.00 horas -cando pechen as mesas-, con comentarios, dúbidas, cuestións, en interacción directa cos membros da redacción.
E a pé de urna ...?
Teremos un redactor en Vic, capital da comarca de Osona, onde hai concentrado un maior número de poboacións que organizan o referendo. Estará actualizando información constantemente e ha realizar tamén unha reportaxe da xornada. Xa pola noite, con todos os contidos, teremos un especial destacado, e tamén está previsto un debate coa participación da economista Elisenda Paluzie e do sociólogo Salvador Cardús, dous expertos ben recoñecidos. Moderará Vicent Pardal (director de Vilaweb). En principio, contamos con que sexa en directo, entre as 23.00 e as 23.30 horas, mais aínda estamos a facer as últimas probas de emisión porque sería a primeira vez en facermos algo así en streaming.
Como está a ser a cobertura informativa no resto dos medios cataláns?
Hai certo malestar entre os organizadores da consulta co tratamento que lle están a dar TV3 e Catalunya Ràdio (televisión e radio públicas), que informan como se fose unha noticia máis, sen seguimento especial ningún. No resto de medios institucionalizados como La Vanguardia ou El Periódico tampouco hai unha cobertura moi extensa. Si que a hai nos periódicos en catalán como Avui e El Punt.
E a nivel internacional?
É paradoxal que TV3 non o trate dun xeito especial e si que o faga por exemplo a BBC, que estivo hai pouco durante todo un día coa xente da Osona. Mais non só a BBC, tamén France Press, Reuters, ... en total hai 140 xornalistas acreditados para esa xornada.
A nivel político, que prognóstico se fai desde Vilaweb ao respecto da participación e do resultado, e das consecuencias posteriores que podería conlevar?
As consecuencias van depender do resultado, que cremos que ha ser amplamente favorábel ao 'si', algo que por outra banda é normal neste tipo de referendos en que se mobiliza maioritariamente é o electorado que está a prol do voto afirmativo. Porén, notamos que comeza a haber certos sectores do 'non' a se mobilizaren, algo que non ocorreu na consulta de Arenys. O debate está en que porcentaxe de participación se pode considerar un éxito, e desde a organización apuntan un 30%. Hai que ter en conta que a iniciativa dos referendos parte da sociedade civil, non ten un apoio institucional, e que neste tipo de votacións a abstención é habitualmente alta.