A plataforma cidadá formada en protesta polo recorte da Xunta no servizo continúa as súas mobilizacións en todo o país.
A Plataforma Galega pola Gratuidade dos Libros de Texto concéntrase unha vez máis en favor do retorno "á gratuidade universal" do anterior sistema de empréstito. Será desta volta en Ourense, onde o obxectivo é organizar unha cadea humana baixo o lema 'Préstame un libro de texto'. Convidan a participar "a todas as familias que desexen manifestar o seu apoio a este dereito fundamental" que semellaba estar xa consolidado. De xeito paralelo haberá sesións de contacontos destinadas aos cativos que acudan con nais e pais á concentración. Será este sábado na Ponte Vella ás 17 horas.
A plataforma formouse o pasado verán, inicialmente impulsada por nais e pais da zona do Barbanza, que comezaron a protesta logo de coñecerse a intención da Consellaría de Educación de acabar co sistema que garantía o fornecemento de libros escolares de balde. Facéndose eco do propio debate parlamentario aberto ao respecto desta viraxe, denuncian o argumento de aforro co que a Xunta defende o recorte e reclaman a continuidade do dereito a libros de texto gratuítos.
Entre os argumentos en defensa do sistema de gratuidade, a plataforma recorda que dende hai 3 anos, todo o alumnado do ensino obrigatorio recibe en préstamo os manuais que vai necesitar ao longo do curso escolar. "Unha vez rematado o curso, os nenos devolven os libros, que serán usados ao ano seguinte por outros alumnos, pasados 4 anos, os libros son renovados: todo isto significa que durante catro anos a administración non realiza novos investimentos, polo que, ao noso modo de ver o cambio do sistema de préstamo ao de libros en propiedade ten como único obxectivo o beneficio das editoriais, non entendendo o pretendido aforro", sinalan.