(actualizada 14h)"Mudemos o sistema, non o clima". Atrás dese lema mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela diversos colectivos sociais organizados arredor da bautizada
Rede Galega Anticapitalista. Unha actividade promovida no Día de Acción Global contra o Cambio Climático e en defensa dos tres "c" do principio de xustiza climática: contracción (redución) das emisións mundiais; converxencia nas emisións por habitante; e compensación dos gobernos e transnacionais que son responsábeis da crise climática aos que sofren as súas consecuencias.
"A mudanza climática é a cara máis preocupante dunha crise socioambiental global que afunde as súas raíces no produtivismo e no consumismo", expoñen, "un problema cuxos principais responsábeis son os gobernos e as transnacionais dos países enriquecidos, xunto coas institucións internacionais do Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional e a Organización Mundial do Comercio, mais que golpea primeiro e máis forte ás persoas máis pobres". "Queda xa pouco tempo para previrmos unha mudanza climática catastrófica, o Cumio do Clima de Copenhague non pode fracasar: é urxente acadar un acordo legalmente vinculante de redución das emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases causantes do cambio climático que substitúa o Protocolo de Quioto a partir de 2013", afirma a Rede no seu manifesto.
Klimaforum, a cita alternativa en Copenhague Fronte ás burocracias, tensións e escasos e lentos compromisos que abrollan da conferencia oficial, de acceso restrinxido a xefes de Estado e funcionariado das diversas delegacións internacionais, contrasta a proposta do
Klimaforum. Trátase dun evento de libre acceso promovido polo movemento ecoloxista danés e apoiado por diversos colectivos internacionais que se celebra de xeito paralelo ao cumio oficial apadriñado polas Nacións Unidas.
"A clave é fomentar que acontezan cambios no xeito de pensar e promover que a sociedade faga abrollar novas formas de organización", expoñen. Nese contexto de pensamento chaman a "recoñecer" que non existe ningunha tecnoloxía
máxica que conduza á saída da crise climática. "Nin nuclear, nin biocombustíbeis, nin almacenamento de CO2...: estas solucións xeran á vez problemas máis grandes dos que orixinalmente resolven", advirten. Por este motivo, subliñan a necesidade dun xiro "radical" en favor da sustentabilidade da sociedade.
Nese escenario, o debate de solucións "autenticamente sustentábeis" baséase en priorizar o aforro e o uso eficiente da enerxía, as tecnoloxías renovábeis limpas e seguras, a promoción dunha menor emisión de gases que favorecen o efecto invernadoiro e, en consecuencia, que non fomenten o uso de combustible fósil; métodos baseados na agronomía, que fixan o carbón á terra, que reducen o uso de fertilizante químicos e que non constitúan unha ameaza para os ecosistemas, o clima e a biodiversidade; garantía sobre o uso sustentábel dos recursos para poder aproveitalos dun xeito xusto e equitativo e un sentido crítico "sobre o enfoque obstinado ao redor dos bens de consumo, que impregna á sociedade global de hoxe".