Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Kiko Campos, editor de SurfGZ.com

"En 10 ou 15 anos, Galiza ha ser unha potencia mundial do surf"

Hawaai acolleu este martes un dos campionatos máis prestixiosos do mundo. Ningún galego foi convidado, mais este vigués afincado en Lanzarote confía na 'materia prima' do país.

Fernando Arrizado - 18:50 09/12/2009
O finado Eddie Aikau

O finado Eddie Aikau

No Quiksilver Memorial de Eddie Aikau, un dos encontros máis importantes do mundo, non pode competir calquera. Ao torneo dun só día, en Hawaii, só se chega por convite e participan unicamente 28 riders. Tampouco se celebra regularmente. As regras exixen ondas de máis de seis metros, algo que até este martes non ocorría desde 2004.

Na cerimonia de inauguración, hai xa máis dunha semana, os mestres do surf formaron un círculo no mar e deitaron na auga os seus colares de flores, invocando o espírito do mítico surfeiro hawaiano Eddie Aikau, que perdeu a vida sobre unha táboa o 17 de marzo de 1978. Unha tradición que se repite en todas as edicións. A primeira foi en 1986, a deste ano facía a 25ª.

Lamentabelmente, ningún galego tivo a oportunidade de 'cabalgar' as lendarias ondas xigantes que o Pacífico regala de cando en cando e que desta volta superaron os 10 metros. No entanto, hai razóns para a esperanza. Así o considera Kiko Campos, vigués de 34 anos afincado en Lanzarote, que leva literalmente "media vida" facendo surf e coñece ben as capacidades do noso país neste deporte.

"Cada vez hai máis escolas de surf, máis clubs, máis persoas federadas. En 10 ou 15 anos, Galiza ha ser unha potencia mundial do surf", afirma, e engade que "non hai máis que ver a xente nova, como alucinan co surf, co body, co skate. Son os deportes do século XXI".

Campos lembra ademais unha cuestión esencial coa que nós contamos e outros non: "Galiza ten máis quilómetros de costa ca España". "En sitios como Cantabria teñen oito ou 10 praias; a liña de mar de Euskadi percórrese en menos de dúas horas; nós, das case 1.200 praias que temos, en máis de 500 podemos facer surf", comenta.

Porén, quéixase -mais estoicamente- da ausencia de axudas por parte da Xunta, de que a Federación non ten patrocinador ningún, mesmo do "minifundismo" existente no país ao respecto da colaboración entre clubs e escolas.

Preguntado por cal é a mellor zona para facer surf, Kiko Campos non desbota ningunha. De feito, fala de "todas", e aínda que gaba as de Ferrolterra ("Doniños, Vilarrube, Pantín, ..."), considera que calquera parte da costa galega ten as condicións axeitadas. Ben sexa, por exemplo, na Costa da Morte, ben sexa en Santa María de Oia, de onde -di- ten unhas boas fotos penduradas na web.

SurfGZ.com
A web é SurfGZ.com, nacida hai xa 15 meses coa aspiración de se converter no primeiro referente galego en información surfeira. Ademais de surf, a ducia de colaboradores de Campos neste proxecto tamén abordan outros temas: bodyboard, 'longueirón', natureza, viaxes e ciencia.

Actualmente, traballan para conseguir patrocinadores que lles permitan artellar un festival de curtas. Quizais no futuro algún protagonista destas pezas poida ser convidado ao Quiksilver Memorial de Eddie Aikau. Polo momento -apunta Kiko Campos- "o galego con máis posibilidades é Gony Zubizarreta".


Resultados do Quiksilver Memorial de Eddie Aikau

1. Greg Long 323
2. Kelly Slater 313
3. Sunny Garcia 292
4. Bruce Irons 275
5. Ramon Navarro 267
6. Ross Clarke-Jones 257
7. Jamie O'Brien 252
8. Mark Healey 246
9. Garrett McNamara 243
10. Noah Johnson 241
11. Shane Dorian 229
12. Makuakai Rothman 226
13. Reef McIntosh 222
14. Andy Irons 221
15. Grant Baker 215
16. Carlos Burle 202
17. Kohl Christensen 201
18. Kala Alexander 200
19. Peter Mel 195
20. Takayuki Wakita 187
21. Ibon Amatrian 187
22. Clyde Aikau 168
23. Keone Downing 167
24. Mike Ho 160
25. Darryl Flea Virostko 155
26. Brian Keaulana 148
27. Rusty Keaulana 122
28. Pancho Sullivan 70


Ligazóns

4,38/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxes do Quiksilver Memorial de Eddie Aikau deste martes
Imaxes do Quiksilver Memorial de Eddie Aikau deste martes
O vigués Kiko Campos facendo surf en La Santa (Lanzarote) / Foto: SurfGZ.com
O vigués Kiko Campos facendo surf en La Santa (Lanzarote) / Foto: SurfGZ.com
Gony Zubizarreta, tamén vigués, é o galego que máis éxitos está a colleitar. Na imaxe, no Pantín Classic
Gony Zubizarreta, tamén vigués, é o galego que máis éxitos está a colleitar. Na imaxe, no Pantín Classic