O galego "Gony" Zubizarreta xa está entre os 48 mellores. Para este venres agárdase un endurecemento do clima con ondas de até catro metros.
Desde o pasado martes e até o domingo 7 o concello do Valdoviño é a capital galega e estatal do surf, con ondas á volta dos dous metros que están a crear as condicións ideais para a práctica deste deporte. A Pantín Classic estrea o seu status de cinco estrelas dentro das probas clasificatorias para as series mundiais. Á praia de Pantín chegan algúns dos mellores surfistas a nivel internacional, como os australianos Mick Campbell e Shaun Cansdell ou o estadounidense Gabe Klir, habituais da lista dos 46 mellores surfistas ofrecida pola ASP, que son os principais favoritos. Outros dos candidatos á vitoria final son o norteamericano Patrick Gadauskas, o hawainao Sunny García ou o brasileiro William Cardoso.
Participación galega
O principal representante local é "Gony" Zubizarreta, campión do mundo junior no 2002, que está a completar un bo ano e buscará aproveitar o seu coñecemento da praia. Con Zubizarreta estiveron competindo outros dous galegos, Daniel Bermúdez e Luís Rodríguez, que despois de recibir un convite especial da organización caeron eliminados o martes e mércores respectivamente.
O venres comeza a competición feminina
A pesar das dúbidas que existiron até o último momento sobre a súa celebración, o Pantín Classic seguirá tendo este ano proba feminina. Unha axuda da Asociación de Surfistas Profesionais permitiu a celebración da modalidade feminina, despois de que o Clube de Surf Pantín centrara gran parte dos seus esforzos no crecemento da categoría masculina.
Así, a competición feminina debería comezar este venres si as condicións meteorolóxicas o permiten, xa que se agardan para ese día onda de até 4 metros que dificultarán as competicións previstas.
Outras actividades que acompañan a celebración da proba son un Clinic ofrecido por unha das marcas patrocinadoras, unha exhibición de cans adestrados para servir a persoas con discapacidades ou unha exposición fotográfica sobre a edición do 2007.