A rede Causa Galiza convoca para este domingo unha manifestación baixo o lema "Sobre nós, decidirmos nós. Soberanía é democracia".
A plataforma Causa Galiza convocou para este domingo 6 de Nadal en Compostela unha manifestación baixo o lema Sobre nós, decidirmos nós. Soberanía é democracia. A cita reivindicativa, que se organiza por terceiro ano, vai incluír un xantar popular e un concerto, e acompáñase dunha campaña informativa por todo o país. Falamos con Charo Lopes, en representación da Portavocía de Causa Galiza.
"Sobre nós, decidirmos nós. Soberanía é democracia" é o lema este ano. Algún matiz especial na reivindicación da convocatoria neste 2009?
O lema é novo pero as reivindicacións básicas mantéñense. Eu centraríame na importancia desa segunda frase: "Soberanía é democracia". Non é unha conxunción, senón que subliñamos o verbo. Significa a vontade de cuestionarmos o status quo do Estado español, de chamar a atención sobre o uso rimbombante co que a miúdo o goberno español bota man da palabra "democracia" para paradoxalmente negar dereitos, negar o dereito da xente a decidir. É importante lembralo nesta data, recordando que unha Constitución que nega ese dereito de autodeterminación amosa o seu carácter antidemocrático.
Van máis de dous anos desde que botou a andar a plataforma Causa Galiza, que froitos deu até o de agora?
Hai que lembrar que a plataforma naceu nun escenario onde a vista estaba posta na posíbel reforma estatutaria en proceso. Daquela o urxente era crear unha masa social que contrarrestara o camiño polo que ía o debate en termos de dependencia do Estado español. O obxectivo era por iso mobilizar a sociedade sobre a consciencia de que o realmente democrático é a capacidade de poder participar en termos de igualdade e ter dereito como pobo a decidir. A situación cambiou, pero vimos necesario seguir aí, na reclamación dun dereito que se está conculcando. A estratexia de traballo é laxa, mais tamén ten que ver coas características dunha organización moi aberta.
De momento Causa Galiza só se activou en xullo e decembro para mobilizacións concretas. Entendemos que estades nun punto de inflexión cara a unha actividade máis ambiciosa?
Agora estamos reimpulsando o proxecto con máis forza. Elaboramos material cunha vocación didáctica, referido á Constitución e respondendo a preguntas frecuentes sobre o dereito de autodeterminación. A partir de aquí pensamos nunha campaña sostida no tempo. É un paso adiante e queremos estender a reivindicación por todo o país. Chegar a todo o tecido social e tomar contacto con todo tipo de organizacións e colectivos para poñer o debate en primeiro plano.
Ás portas do referendo do día 13 en Cataluña, unha enquisa revela aló unha inédita porcentaxe de apoio ao independentismo. Con todas as distancias e á luz deses referentes, como se lle explica aquí en Galiza á xente "da importancia de decidir por si mesma"?
Nós alegrámonos de que se estean dando eses pasos en Cataluña. Evidentemente é un contexto totalmente diferente e alí o dereito de autodeterminación e a independencia sempre estiveron máis explicitados e foron protagonistas con total normalidade. Aquí a psicoloxía colectiva móvese noutro concepto de si mesma, tinxida de complexos e autoodios. Con todo, o potencial e o debate que amosan contextos como de Cataluña ou o Quebec na historia recente ao fío da reivindicación do dereito de autodeterminación é moi importante. O imaxinario colectivo e nacional é en Galiza ben distinto. Pero xustamente por iso cremos que imos no camiño cunha boa estratexia: aquí é necesario este labor básico de explicación do que falamos. E niso traballa Causa Galiza.
E en que medida a fragmentación do movemento soberanista é obstáculo para o avance social das reivindicacións desta plataforma? Tan complicado é atopar puntos de encontro?
Nós pretendemos ser ese punto de encontro. A propia estrutura da plataforma pretende servir para aglutinar o maior número de persoas posíbel. As adhesións son ademais a título individual. Hai un convite explícito a debater e buscar os puntos básicos de encontro. Ademais, a campaña está pensada para abranguer o máximo de apoios, centrándonos mesmo en xente que nin sequera está integrada en correntes concretas. Causa Galiza será capaz de achegarse a xente dispersa pero que comparte esas inquedanzas básicas e comúns.