Pide ao Goberno que poña fin ás iniciativas que tomou nos últimos meses en contra do idioma galego.
"As medidas adoptadas contra a lingua galega desde o pasado mes de abril supoñen unha vulneración de tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos subscritos polo Estado Español". Así o entende a Axencia Europea para as Linguas Minorizadas (EBLUL), quen instou á Xunta a que poña fin á súa "política de desprotección dos dereitos da comunidade lingüística galega".
O EBLUL, promovido polo Parlamento Europeo e que ten rango de entidade consultiva desta institución, do Consello de Europa e da ONU, alerta contra o "incumprimento dos tratados itnernacionais sobre dereitos lingüísticos" e asegura que, se o Goberno non rectifica, trasladarán a situación aos diferentes foros internacionais nos que se encontra presente.
Extracto do texto da Resolución do EBLUL:
1)Animamos o Goberno galego a que desenvolva unha política lingüística de promoción e extensión social da lingua propia de Galiza, pondo fin ás iniciativas que tomou nos últimos meses en contra do idioma galego nos diferentes ámbitos.
2)Informamos á Xunta de Galiza de que as medidas adoptadas contra a lingua galega desde o pasado mes de abril supoñen unha vulneración de tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos subscritos polo Estado español, como o Pacto internacional de dereitos civís e políticos ou a Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias.
Neste sentido, resulta de especial gravidade que o Goberno galego non tivese en conta o último informe que o Comité de Expertos do Consello de Europa emitiu hai apenas uns meses sobre a situación lingüística de Galiza. Non é só que non se puxese en marcha ningunha das medidas recomendadas para dar cumprimento á Carta europea, senón que se desmantelaron algúns dos proxectos máis aplaudidos polo Consello de Europa, como as Galescolas, que era a única rede de ensino infantil que contemplaba con normalidade o uso do galego en cancións e xogos.
3)Se a Xunta continuar coa súa política de desprotección dos dereitos da comunidade lingüística galega e de incumprimento dos tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos, desde o Comité de Estado do EBLUL trasladaremos esta situación aos diferentes foros internacionais en que se encontra presente.