Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA PROTESTA VECIÑAL

Condenado un policía militar da Brilat por agredir unha manifestante

A resolución subliña que a manifestación na defensa dos montes comunais contaba con autorización e condena ao soldado a pago dunha multa e unha indemnización.

Redacción - 11:15 27/11/2009

Un ano despois da primeira manifestación dos veciños de Salcedo en rexeitamento da ampliación do perímetro de seguridade do cuartel da Brilat, coñecemos a decisión da Xustiza sobre a actuación policial. Daquela, os manifestantes denunciaron a desmedida actuación da Policía Militar, que mesmo chegou a bater nunha muller, que tivo que ser trasladada a un centro sanitario. Agora o Xulgado de Instrución número de Pontevedra conclúe que a lesionada, María Carme Regueira, foi efectivamente "vítima dunha agresión" por parte dun policía militar.

O tribunal condena ao soldado, Julio César González, quen entón "prestaba servizos no control de acceso ao cuartel" ao pago dunha multa de 240 euros e dunha indemnización de 300 euros á muller. A resolución baséase en que "era unha manifestación autorizada fronte á entrada do acuartelamento" da Brigada de Infantería Lixeira e recolle que "o acusado propinou unha puñada no pómulo de María Carme provocando a súa caída ao chan". Trasladada ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Pontevedra, foi diagnosticada dunha erosión na mucosa do beizo inferior e dun edema na mesma zona. A maiores, na mesma sentenza, que é recorríbel, absólvese á veciña da falta de lesións pola que tamén estaba imputada.

Máis mobilizacións
O vindeiro martes 8 de decembro, coincidindo co ano exacto daquela accidentada manifestación, os veciños volverán a Figueirido para reclamar a titularidade do monte. Será unha concentración pacífica ás portas do acuartelamento da brigada e porá sobre a mesa tres demandas clave: a devolución do monte comunal aos veciños; contra as franxas de seguridade; e contra as agresións dos militares aos cidadáns.


Ligazóns

4,75/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo da accidentada manifestación veciñal en Figueirido (decembro de 2008)

Terreos ocupados pola base militar en Figueirido (Pontevedra)
Terreos ocupados pola base militar en Figueirido (Pontevedra)
Os veciños manifestáronse en diferentes ocasións reclamando a titularidade do monte
Os veciños manifestáronse en diferentes ocasións reclamando a titularidade do monte