Considera incompatíbel a instalación da granxa mariña coa riqueza ambiental da península e alerta de que provocaría a desaparición de hábitats de interese prioritario para a UE.
A Declaración de Impacto Ambiental aprobada baséase na inexistencia de hábitats prioritarios protexidos, unha afirmación que é falsa
"A superficie de intervención na que se pretende actuar vai supoñer, tanto directa como indirectamente, a desaparición de hábitats de interese prioritario para a Comunidade Europea". Esta é unha das conclusións do Informe Hábitats, elaborado polo profesor de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Xabier Amigo Vázquez
Este documento declara "incompatíbel o proxecto de ocupación parcial da península do Cabo Touriñán coa actuación industrial dun proxecto de granxa piscícola" e alerta ademais sobre as afeccións que tales instalacións terían sobre algunhas especies. En concreto asegura que levaría á extinción a poboación da gramínea Linkagrostis juresii, un endemismo do cadrante noroccidental ibérico incluído no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA).
Asemade, referencia os hábitats prioritarios situados neste terreo de pouco máis de 120 hectáreas, que correrían serios riscos de levarse adiante o proxecto apoiado pola Xunta de Galiza: as uceiras húmidas atlánticas; as uceiras secas atlánticas costeiras; e as charcas temporais mediterráneas. Outros hábitats de interese europeo afectados, aínda que non prioritarios, serían os cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas; as augas estancadas; as uceiras secas europeas; a vexetación pioneira do Sedo-Scleranthion ; e as praderías higrófilas.
Declaración de Impacto Ambiental
En consonancia co informe, o colectivo ecoloxista Adega informa de que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) de Touriñán "ten o mesmo valor legal que a de Rinlo: ningún" (en referencia ás recentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza). No documento aprobado en xullo de 2005, o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Xosé Manuel Álvarez-Campana asinou que "malia a localización da actuación no ámbito do Lugar de Interese Comunitario Costa da Morte non se detectou a presenza de hábitats prioritarios protexidos, polo que non se considera necesario estabelecer medidas compensatorias".
Adega subliña que, como pon de manifesto o profesor Amigo no seu informe, non é certo que non se vaian afectar hábitats prioritarios. Pero ademais, recordan que "a propia Administración galega, aténdose ao Altas de Hábitats do Ministerio de Medio Ambiente, recoñeceu a presenza destes elementos en Touriñán", razón pola cal esta localización fora excluída do plano acuícola do bipartito. Os ecoloxistas explican que "o señor Feijoo non poderá nuna anular a presenza dun patrimonio natural protexido, nin trampear as leis que obrigan a protexelo".