É a primeira cidade en elaborar un Plan de Inmigración, que inclúe medidas destinadas a facilitar a integración dos que veñen de fóra.
Cunha poboación de 17 mil inmigrantes empadroados, o Concello de Vigo decidiu gobernar atendendo ás necesidades crecentes dun censo cada vez máis diversificado na súa procedencia. A concellería de Benestar Social, dirixida por María Méndez (BNG), elaborou o primeiro Plan de Inmigración que ve a luz en Galiza e que dispón diferentes medidas para facilitar a integración dos estranxeiros na cidade.
Accións para catro anos
Un dos grandes eixos deste Plan constitúeno as medidas encamiñadas a facilitar o acceso á vivenda para persoas procedentes doutros países. Así, incorpora un programa de intermediación entre propietarios e arrendatarios, ademais dun proxecto específico de aloxamento para persoas acabadas de chegar, por un prazo de tres meses.
Asemade, estabelécense outros procedementos de axuda, como un servizo de tradución e interpretación, orientación xurídica e laboral, unha guía de recursos da cidade (con información sobre os servizos sanitarios, sociais ou educativos), ou cursos tanto de lingua galega como española. Tamén se incorporará un programa de atención para mulleres en situacións de vulnerabilidade.
Doutra banda, ofrecerase formación aos traballadores sociais e ao persoal do concello, para sensibilizalos na problemática específica do colectivo inmigrante. Do mesmo xeito, haberá campañas de sensibilización nos colexios, tanto para os alumnos, como para as asociacións de nais e pais, como para o profesorado.
Cara a integración
Segundo os seus responsábeis políticos, este Plan márcase como obxectivo principal acadar a "plena integración" das persoas orixinarias doutras zonas do mundo. "O que queremos é que aqueles que decidiron xa ser de Vigo non configuren sectores illados e só se relacionen entre eles", explica o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, "senón que poidan ter acceso a todas as propostas que ofrece a cidade ao mesmo tempo que a sociedade viguesa se poida enriquecer coas súas achegas culturais".