Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO ÚLTIMO MES

O sector téxtil cifra a destrución de emprego en 500 persoas

A Confederación de Industrias Téxtiles de Galiza alerta sobre a gravidade da situación e agarda poder remontar en 2010.

Redacción - 09:15 10/11/2009
No remate de 2008, o sector téxtil empregaba a 16.233 persoas

No remate de 2008, o sector téxtil empregaba a 16.233 persoas

"O consumo de roupa é algo que se pode adiar en función de cuestións como a situación económica", explica Alberto Rocha Guisande, secretario da Confederación de Industriais Téxtiles de Galiza (Cointega). Así, este colectivo que reúne a 200 empresas do ámbito téxtil galego apunta á contención do consumo como unha das grandes dificultades que teñen que enfrontar.

Rocha Guisande cifrou a destrución do emprego en Galiza no sector en "preto de 500 persoas" no último mes. Polo tanto, a tendencia mantense, logo de que no último ano se perderan uns seis mil postos de traballo, segundo denunciaban os sindicatos. A cuestión non é menor, tendo en conta que o mundo da roupa é un dos piares da economía galega, con 7.500 millóns de euros de facturación (dos que cinco mil lle corresponden ao Grupo Inditex).

No remate de 2008, segundo datos da Asociación Téxtil de Galiza (Atexga), este sector empregaba a un total de 16.233 persoas. Hoxe, segundo os datos da Seguridade Social, o número non supera os dez mil. A situación da moda galega depáranos unha situación desigual para os grandes do sector: Inditex, malia facer importantes beneficios de centos de millóns de euros, viu reducir os seus ingresos; Adolfo Domínguez reduciu o ano pasado os seus beneficios nun 90%; e non se pode esquecer os tres ERE's formulados en Caramelo, Montoto e Toypes, coa consecuente perda de postos de traballo.

Para o futuro, moderado optimismo
Rocha Guisande vaticinou, con todo, que a crise dentro deste ramo "comezará a remontar a mediados de 2010". Na presentación da "Pasarela de Creadores Novos", explicou que as firmas do téxtil están "resistindo" e apuntou que moitas empresas, "ademais de pasalo mal, corren o serio risco de desaparecer". Con todo, apuntou que o futuro do sector "vai depender da flexibilidade" que consigan imprimir estas empresas nos seus financiadores, ademais de "axudas puntuais para salvar o baixón".

Se ben adiantou que 2010 será "aparentemente un ano moi malo", asegurou que cara a metade dese período "pode haber unha recuperación no consumo que afectará positivamente ás empresas que consigan manterse até ese momento".


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: