Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Declaración de Mondariz

Concellos convencidos de que poden e deben ser vangarda en favor da lingua

No "Ano de Cabanillas", oito municipios convocan un acto co que queren trasladarlle a opinión pública e administracións "unha mensaxe de galeguidade activa".

Redacción - 10:00 08/11/2009

Cambados, Cuntis, Dozón, Moaña, Mos, Redondela, Silleda e Mondariz-Balneario asinan a bautizada "Declaración de Mondariz", coincidindo co 50 cabodano do pasamento de Ramón Cabanillas. Aproveitando a vertente de Cabanillas de activista intelectual e político e persoa vencellada á vida municipal, estes oito municipios onde o intelectual galeguista traballou no seu tempo en diversos momentos da súa vida, ben como concelleiro ou como funcionario, réndenlle homenaxe.

Á vez, a declaración subliña que a efeméride é ocasión acaída para "matinar sobre o papel dos concellos e deputacións de cara á consecución da plena normalización lingüística do noso idioma". Defenden no documento o papel dos concellos durante as últimas décadas na incorporación e introdución do galego como lingua xurídica e administrativa nun proceso no que é "fito senlleiro" a Declaración de Compostela de 1984, un ano despois da aprobación da Lei de Normalización Lingüística, e da que se celebrou recentemente o 25 aniversario.

A chamada "Declaración de Mondariz-Balneario" incluída agora no programa de actos deste luns 9 de novembro. O obxectivo será ademais "trasladarlle á opinión pública galega, e nomeadamente ás súas administracións, unha mensaxe de galeguidade activa, que é o que reflicte a obra de don Ramón Cabanillas".

"Velaí onde debemos estar as autoridades e traballadores locais, na idea de que o galego non é patrimonio de ninguén senón que é un vínculo que nos une a todos, revalidando nesta singular conxuntura o protagonismo social e democrático que as corporacións xogaron ao longo das últimas décadas neste como noutros tantos eidos. Ese é o mellor homenaxe que lle podemos render a Ramón Cabanillas e a que, sen dúbidas, máis lle compracerá alá no Olimpo"

Programa:
12horas: Intervención de Luís Rei, biógrafo de Cabanillas, "Cabanillas e a Administración Local"
12h30: Lectura da "Declaración de Mondariz-Balneario" e sinatura da mesma.

Intervencións de:
1.- Xoaquín Monteagudo Romero, Presidente da AFNLG.
2.- Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de POlítica Lingüística.
3.- Xosé A. Lorenzo, Alcalde do Concello de Mondariz-Balneario

13h00 horas: Descuberta da placa dedicada a Cabanillas na fachada da Casa do Concello de Mondariz-Balneario.
13h15: Descuberta da placa ao pé do monumento xa erixido a Enrique Peinador Lines diante do antigo Balneario.
14h00: Xantar.

Tamén haberá unha ofrenda floral e poética en S. Domingos de Bonaval (ás 12h) no Panteón dos Galegos Ilustres. Pola tarde haberá en Cambados ás 20h un acto musical e con lectura de textos sobre Cabanillas aparecidos na prensa nos días en que faleceu.


5/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: