A formación sindical achega un informe sobre a posíbel fusión e convida a avaliar o impacto sobre o emprego e a cohesión social e territorial.
"A posición da CIG é contraria as fusións no sector, porque contribúen a unha concentración do poder político e económico, pero tamén teñen un impacto sobre o nivel de emprego e mesmo sobre a cohesión social e territorial do país", expuxo este xoves Clodomiro Montero, secretario xeral da CIG-Banca, durante a presentación do informe que o sindicato elaborou ao respecto do impacto dunha hipotética fusión de Caixa Galicia e Caixanova. "Entendemos que o emprego ten que estar por riba da mesa", resumiu.
A defensa dos postos de traballo e a necesidade dunha cohesión territorial no reparto da sede central e da obra social deberan ser factores a priorizar, máis aló de "posicións personalistas e localistas", explicou o representante da CIG-Banca. Recordou Clodomiro Montero as posibilidades agora mesmo abertas, entre elas a fusión das caixas galegas con entidades de fóra do país, e reclamou a procura do máximo consenso posíbel a nivel político, social e sindical.
Nese sentido, salientou o papel clave da Xunta no liderado dese proceso e criticou o actual "silencio" do executivo. "Parécenos inaudito este silencio por parte da Xunta, sobre todo cando as traballadoras e os traballadoras das caixas temos representación nos órganos de goberno e mentres Feijoo non vai ter que votar na asemblea xeral a favor ou en contra dunha fusión, os representantes sindicais si o farán", comentou, censurando que "non se está tendo en conta á representación sindical". O voceiro da CIG dixo estar seguro da existencia de conversas entre as entidades, Xunta e asociacións empresariais, e denunciou a "falta de transparencia" e "ocultación" coa que se conducirían eses contactos. Unha actitude que, segundo Montero, é exemplo de que do único do que parece estarse a falar "é do reparto de poder, sen avaliar as consecuencias para o emprego".
A fusión suprimirá 1.500 empregos
Polo miúdo, o "excedente" de traballadores que causaría a fusión de Caixa Galicia e Caixanova chegaría ás 1.500 persoas, sen contar ademais o impacto sobre o emprego indirecto xerado polas caixas (limpeza, mantemento, empresas subministradoras, entre outros), e sen considerar os datos derivados dos peches das oficinas no resto do Estado.
A coincidencia de localización de máis de 400 oficinas das dúas entidades levaría ao peche probábel de 240 (62 en Pontevedra, 70 en Ourense, 59 en A Coruña e 16 en Lugo). En total, xeraríase un "excedente de persoal de 817 traballadores/as". A esa cifra, o estudo da CIG súmalle que das 1.600 persoas que traballan nos servizos centrais, que perderían arredor dun 40% das 1.600 persoas que empregan actualmente, é dicir, 680 postos de traballo menos. A análise do sindicato conclúe que as xubilacións anticipadas non serían capaces de cubrir "todo o persoal sobrante", sendo o proceso máis traumático nas provincias de Ourense e Pontevedra, con cadros de persoal máis novos.