Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
PXOM: Recualificación de rústico a urbanizábel

O suposto "pelotazo" no campo de golf de Lugo chega á Fiscalía

Esquerda Unida denuncia formalmente as "relacións" entre empresas da familia da concelleira de Urbanismo e o Club.

F. Arrizado - 14:00 27/10/2009
Carballos no campo de golf

Carballos no campo de golf

O pasado mes de xuño, o grupo municipal de Esquerda Unida en Lugo rexistraba un escrito dirixido á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, onde solicitaban que fose corrixida no PXOM a recualificación de 500 mil metros cadrados, a maior parte poboados por carballeiras, nas inmediacións do campo de golf situado na parroquia de Fixós.

A día de hoxe, o escrito segue sen recibir contestación, polo que desde a formación xa anunciaron que van presentar un requirimento administrativo de resposta. Ademais, ante as evidencias dun suposto delito, EU decidiu denunciar o caso na Fiscalía para que sexa esta a que investigue e estime as posíbeis ilegalidades.

Os coordinadores municipal e nacional, Carlos Portomeñe e Iolanda Díaz, respectivamente, entregáronlle este luns ao fiscal xefe de Lugo, Xavier Rei, documentación ao respecto de supostos vínculos entre dúas empresas da familia da concelleira de Urbanismo, María Novo, e o campo de golf, incluíndo, entre outra, balances económicos destas sociedades.

Novo incorporouse o verán pasado ao equipo de goberno que preside Xosé Clemente López Orozco malia non formar parte da candidatura socialista ás eleccións municipais. Daquelas, o alcalde defendeu a experiencia da entón xerente da Empresa Municipal do Solo, salientando o seu "perfecto coñecemento" do PXOM e "as súas boas relacións cos funcionarios que traballan en Urbanismo".

Inexistente 'Plan director de campos de golf'

Esquerda Unida considera que a recualificación dos terreos do campo de golf, de rústicos a urbanizábeis, é "ilegal" xa que se basea nun suposto 'Plan director de campos de golf' que, aseguran, "non existe". A Lei do Solo estabelece ademais que as leiras para uso gandeiro están cualificadas como solo agropecuario protexido, mentres que as de bosque autóctono, como rústico.

O propio Club de Golf, que coa mudanza no PXOM podería -tal como prevé- ampliar o campo a 18 buratos e construír vivendas unifamiliares e un hotel, recoñece na súa web -só en castelán- o valor ecolóxico do entorno do campo "ao abeiro de importantes masas forestais de arboredo autóctono que o rodean".

Tamén, os responsábeis de EU denunciaron que os veciños da parroquia sufriron "presións para vender" os terreos, e salientaron a "proliferación de incendios na zona, o verán do ano pasado" que relacionan con esa recualificación.


5/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: