O BNG vota en contra do documento porque asegura que non lle dá solución a ningún dos problemas urbanísticos que ten a cidade.
Tal e como estaba previsto, dez anos despois de que se iniciasen os trámites para modificar o regulamento urbanístico de Lugo, o pleno municipal aprobou este venres provisionalmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Cun goberno en minoría, o alcalde, Xosé López Orozco (PSdeG), precisou do apoio do Partido Popular para sacar adiante o documento: sumou así aos seus 12 concelleiros os nove cos que conta o grupo que lidera Xoaquín García Díez (PP). Mentres, os catro concelleiros do BNG votaron en contra, reiterando a necesidade dunha nova exposición pública.
Intenso debate
A delegada de urbanismo socialista, María Novo, debullou na súa exposición os principais piares do novo PXOM, destacando a creación de máis espazos verdes, máis solo para vivenda protexida e máis dotacións. Ademais, falou da potenciación da esencia dos barrios, do solo industrial ou da protección da muralla e asegurou que este documento "pensa no futuro, ordena a cidade e mellóraa dende un punto de vista urbanístico e de calidade de vida".
Mentres, o Partido Popular asegurou que "aprobamos este plan porque somos lucenses e queremos ser coherentes e responsábeis, non porque este sexa o proxecto do PP". Así se manifestou o voceiro do grupo, Xoaquín García Díez, quen apelou á necesidade de rematar con este proceso, o que considerou "importantísimo para Lugo". Malia darlle o seu voto, os populares foron moi críticos co goberno de Orozco subliñando que "esta non é unha cuestión de confianza, nós xa non confiamos en vostede; o que queremos a partir de agora son feitos", dixo Xaime Castiñeira, voceiro de urbanismo do grupo. Ademais, insistiu en que este apoio se basea fundamentalmente nas respostas positivas que recibiron por parte do secretario e o arquitecto municipal, ao asegurar que existen garantías xurídicas malia non someter o PXOM a unha nova exposición pública.
Finalmente, o BNG lamentou o consenso dos grupos socialista e popular. A súa portavoz, Paz Abraira, insistiu na necesidade dunha nova exposición pública do plan "para introducir todos os cambios que son necesarios, para que os cidadáns os coñezan". Neste sentido, reiterou que o planeamento que se aprobou non é diferente do de 2006, segundo avalan os informes do Servizo de Arquitectura, polo que "segue a ser un documento pobre e sen ambición, que non aborda as necesidades deste concello". Ademais, puxo novamente sobre a mesa algunhas das eivas que denuncian os nacionalistas: no apartado de infraestruturas, non contempla o ferrocarril; no de servizos, so inclúe a zona urbana e non os novos urbanizábeis; no territorio, é un proxecto expansionista e ocupacionista; e no económico, carece dun estudo de viabilidade.
Futuro
Logo dunha década de xestión, o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo recibiu 6.818 alegacións, das que foron estimadas 3.112, é dicir o 46%. Agora, o documento aprobado en pleno remitirase á Consellaría de Medio Ambiente para que decida se é preciso un estudo de impacto ambiental. Despois, enviarase á Consellaría de Política Territorial para a súa aprobación definitiva.