A igrexa de Areas (Ponteareas) acolleu un emotivo acto no que os familiares recibiron os restos destes labregos republicanos asasinados no 1937.
Pasaron xa dous anos dende que os restos óseos de Saturnino Vila Quiroga, Serafín Rodríguez, Xosé Ramírez Vila, Manuel Pérez Vila e Xosé Rodríguez Carrera foran recuperados da foxa de Areas (Ponteareas). Mais foi o tempo necesario para a súa identificación, un traballo no que colaborou a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica e que correron a cargo dos voluntarios Francisco Exteberría, médico forense da Universidade do País Vasco, e Lourdes Herrasti, antropóloga da Sociedade de Ciencias Aranzadi.
Precisamente desta dilación no tempo quéixanse dende a Asociación Memoria do 36 de Ponteareas, o colectivo que este domingo celebrou a sentida homenaxe a estas vítimas da represión. "Todo o proceso de exhumación e identificación dos restos dos represaliados durante o franquismo está en mans de voluntarios", láiase Anxo Rodríguez Gallardo, presidente da asociación, "é un proceso moi longo porque obedece ao interese dos propios interesados, sen apoio ningún das institucións".
Rosas pola Memoria
Con todo, o adiamento destes últimos meses non fixo máis que prolongar un tempo de espera que suma xa 73 anos. Os corpos dos cinco veciños de Budiño (O Porriño) asasinados en setembro de 1937 foron entregados este domingo aos seus familiares no atrio da igrexa parroquial de Areas, no concello de Ponteareas. O lugar escollido para este motivo acto foi o da propia exhumación e agora o obxectivo é que as familias enterren ás súas vítimas en Porriño, nun acto institucional no que tomará parte o goberno municipal.
A Asociación pola Memoria do 36 homenaxeou a estes represaliados co seu tradicional acto de Rosas pola Memoria, unha honra que o ano pasado se adicara a Roxelio Grova. Estiveron presentes membros das cinco familias: fillos, netos e mesmo bisnetos dos fusilados que, en todo momento, seguiron o proceso de recuperación dos seus corpos. A día de hoxe e logo da identificación dos restos saben que faleceron a causa de "traumatismos por disparos de armas de fogo", asasinados por ser "simples labregos republicanos", en algúns casos afiliados a sindicatos agrarios. Co acto celebrado este domingo, estas cinco vítimas do franquismo iniciaron o camiño de regreso a Budiño, onde naceron, da man dos seus familiares. Unha viaxe para a que, desafortunadamente, tiveron que agardar sete décadas.