Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Oposicións á Xunta 2009: Nova polémica

Tradutor automático, desidia ou pouco galego na escola?

A versión en galego do primeiro exercicio no concurso ao Corpo Superior, Grupo A1, a fin de semana pasada, estaba inzado de grallas. Tamén revelan "irregularidades".

Fernando Arrizado - 09:00 23/10/2009

"Mesmo a xente que o fixo en castelán mostraba a súa cara de sorpresa e de bochorno por tantos fallos". Xosé Antonio, lector de Vieiros, púxose en contacto coa redacción para denunciar a situación vivida durante o primeiro exercicio na oposición ao Corpo Superior da Xunta, Grupo A1, a fin de semana pasada, cando houbo que adiar o inicio da proba debido á cantidade de erros que contiña "só" na súa versión en galego.

Outro lector do xornal advertía xa nun comentario: "Se queredes galego, ide opositar á Xunta. Esta mañá celebrouse o primeiro exercicio do grupo superior da Administración e aquelo era de vergoña, o 10% das preguntas estaba mal redactado, pero mal redactado do xeito de 'sentenza asine' no canto de 'sentenza firme', 'ría de facenda' por 'consellería de facenda', 'órganos de ado' por 'órganos do estado', e así ata o infinito e máis alá".

Isto aconteceu o sábado, na convocatoria para consolidación, e houbo quen se levantou do seu asento para expresar o vergoñento do asunto. Os propios auxiliares do tribunal que asisten e vixían os aspirantes "non sabían onde meterse", asegura o primeiro dos denunciantes. O domingo, quenda da convocatoria libre para o mesmo Grupo A1 e que coincidiu coa manifestación a prol do galego en Compostela, os erros volvíanse repetir. A indignación era máxima.

"E que talmente parece que o fixeran adrede para que desistamos e fagamos os exames en castelán", resume o lector que fixo o comentario en Vieiros. "Tantos fallos e todos no de galego o que mostran é un menosprezo á lingua galega", considera Xosé Antonio que descoñece se se presentou unha queixa formal.

O que si constatou é que esta semana había panfletos do CSI-CSIF no edificio da Xunta que facían referencia ao asunto. Xosé Sánchez-Brunete, responsábel deste sindicato en temas de Administración autonómica confirma os erros e cualifica todo o proceso selectivo de "surrealista".

Cun cero no exame, á segunda proba

Entre as irregularidades que detectaron, destacan que "houbo tres preguntas repetidas" o domingo con respecto ao sábado; "non se realizou o sorteo" entre dúas opcións de tests como é habitual, "só se fixo unha"; o exame do Grupo A1 foi "moito máis difícil ca o do C1"; e, sobre todo, hai persoas que pasan ao segundo exercicio con 10 puntos aínda que fallaron as 123 preguntas.

Segundo explica Sánchez-Brunete, no caso do Grupo A1 inscribíronse 681 candidatos e estabeleceuse o corte en 450. É dicir, as 450 mellores notas pasarían á segunda proba. Porén, como só se presentaron 410, o que acontece é que "todos acceden ao segundo exercicio, mesmo os que sacaron un cero, que pasan con 10 puntos".

Para se facer unha idea do que isto supón, cómpre saber que aqueles que contestaron ben todas as cuestións do test pasan ao seguinte exercicio, práctico, "onde a sorte tamén xoga un papel fundamental", con 20 puntos. "A inxustiza é evidente", afirma o responsábel do CSIF. Neste senso, solicitan que nos próximos procesos selectivos se implante un "sistema corrector progresivo" que equilibre esta descompensación. Ademais, salienta que no caso do grupo C1, o corte era de 400 e houbo arredor de 3.500 inscritos.

En xeral, Sánchez-Brunete considera que esta situación "caótica" que "é o primeiro ano que ocorre", solucionaríase permitindo que "os sindicatos volvan formar parte dos tribunais de oposición" á Xunta.


Algúns (non todos) dos erros de lingua na proba do sábado:

Pregunta 17
a) Só en caso de dolo, culpa ou neglixencia grave declarada en sentenza xudicial asine.

Pregunta 25
a) Aquells fundacións constituídas na súa totalidade por achegas da Administración ...

Pregunta 26
b) Será único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia, e estará adscrito a ría que así se determine regulamentariamente.

Pregunta 49
c) Formularánse por escrito no que se relatará o feito que motiva a queixa.

Pregunta 53
b) Anteproyectos de lei ou proxectos de disposicións administrativas ...

Pregunta 54
a) Os asuntos en que tivese ditaminado o Consello de Estado non poderán remitirse a informe de ningún outro corpo ou órgano de ado.

Pregunta 57
De acordo co artigo 13 de a Lei orgánica 2/1982, do 12 de maio ...

Pregunta 61
De acordo co artigo 43 de a Lei 30/1992, do 26 de novembro ...

Pregunta 63
c) A publicación dun acto deberá conter os mesmos elementos que o punto 2 do artigo 58 da de a Ley 30/1992, do 26 de novembro, ...

Pregunta 67
De acordo co artigo 6 de a Ley 6/1997, do 14 de abril ...
 
Pregunta 68
De acordo co artigo 9 de a Lei 6/1997, do 14 de abril ...

Pregunta 69
Segundo o artigo 33 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, corresponde, en todo caso, ao pleno da Diputación ...

Pregunta 76
d) Os municipios con menos de 100 habitantes que tradicionalmente conten con este singular réxime de goberno e administración, sempre que se constitúan coa aprobación de la Comunidad Autónoma.

Pregunta 78
a) Alcalde e catro concelleiros, os cales, co secretario de ión e o perito ...
b) Alcalde e tres concelleiros, os cales, co secretario, o interventor de ión e o perito ...
c) Alcalde e dous concelleiros, os cales, co secretario de ión e o perito ...


Algúns (non todos) dos erros na proba do domingo:


Pregunta 7
Segundo o art.º 20 do Regulamento do Parlamento de Galicia, ¿en qué casos queda suspendida a condición de deputado? c) e d) Cando unha sentenza firme condenatoria así impóñao ...

Pregunta 17
De acordo co artigo 21 de a Ley 3/1980, do 22 de abril, ...

Pregunta 21
Segundo a Lei 29/ 1998, da xurisdicción contencioso administrativa ...

Pregunta 27
Cal das seguintes procedimientos non se inclúen no ámbito ...

Pregunta 45
a), c) e d) Os ditames do Conselo Consultivo serán de carácter ...

Pregunta 46
d) Ninguna das anteriores.

Pregunta 49
Segundo o Art.º 13 de a Ley 8/1985, de eleccións ao Parlamento ...

Pregunta 51
a) Polo Conselo de contas de Galicia ...
b) Polo Conselllo de contas de Galicia ...

Pregunta 74
c) Poderase acordar a achega de bens inmobles patrimoniais calquiera que fora o seu valor ...

Pregunta 79
Segundo el artículo 17 de la Lei 33/2003, ...

Pregunta 114
a) O presidente da Xunta será elixido polo Parlamento Gallego ...



Ligazóns

4,88/5 (34 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: