Unha turba de aldeáns obrigounas a desfilar espidas en público, e a dúas a comer excrementos, por "practicar maxia negra".
Unha turba de aldeáns espiu e obrigou a desfilar núas cinco mulleres acusadas de "practicar maxia negra", segundo informou a Policía. O suceso ocorreu este domingo na vila de Patharghatia, no estado de Jharkhand (nordeste da India). As mulleres foron espidas, e dúas delas foron ademais obrigadas a comer excrementos, segundo a fonte, citada pola axencia india IANS.
"Foron torturadas para que aceptasen a súa condición de bruxas e de practicantes da maxia negra. O suceso tivo lugar baixo instrución dun doutor de bruxaría, que dixo que as mulleres estaban causando problemas na vila", asegurou un axente.
Un grupo de policías e representantes do goberno desprazouse ao lugar dos feitos e logrou rescatar as mulleres, tres delas viúvas, mais os autores do ataque lograron fuxir aínda que centos de testemuñas presenciaron o desfile. "Rexistramos unha denuncia contra 11 persoas, entre estas seis mulleres. Arrestaremos pronto os responsábeis", engadiu o oficial de Policía.
Jharkhand é unha das rexións máis atrasadas da India e nas áreas rurais son frecuentes as acusacións de bruxaría, que desembocan non só en desfiles públicos, senón tamén en asasinatos. Con todo, os 'doutores de bruxaría' conseguen eludir a Xustiza, porque as testemuñas dos feitos temen ser obxecto de maxia negra de proporcionaren os seus datos á Policía.
Na India, espir e facer desfilar núas as mulleres para as "castigar" vén de vello. No blog India Time recompilan algunhas noticias relacionadas con estes abusos e humillacións.