Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Asasinato xudicial"

Exoneran en Suíza a derradeira 'bruxa' decapitada en Europa

Anna Göldi foi executada en 1782 logo ser acusada de "enmeigar" á filla dun 'prestixioso' cidadán co que mantiña relacións sexuais.

Redacción - 09:45 30/08/2008
Museo dedicado a Anna Göldi

Museo dedicado a Anna Göldi

O ano pasado, o goberno cantonal de Glarus (Suíza) e mais o Consello da Igrexa Protestante rexeitaron unha solicitude de exoneración de Anna Göldi, unha muller decapitada en 1782 na localidade de Mollis, acusada de "bruxaría".

Finalmente, esta cuarta feira, o parlamento cantonal, a solicitude do Executivo, aprobou a decisión de limpar o nome de Göldi, considerada a derradeira bruxa executada en Europa, por ser vítima dun "asasinato xudicial".

Foi grazas ao xornalista Walter Hauser que o caso volveu ser tema de actualidade. Hauser publicou un libro con novas evidencias sobre a influencia que o patrón da acusada, Johann Jakob Tschudi, un cidadán respectado, exercera ante as autoridades locais.

Göldi, de 48 anos de idade, era serventa na casa de Tschudi con quen ao parecer mantiña relacións sexuais. Seis anos despois de chegar, a muller foi despedida e acusada de "enmeigar" unha das nenas da familia, facéndolle ter convulsións e cuspir alfinetes.

Conversas coas igrexas Católica e Protestante
"A exoneración debe ser máis que unha simple confirmación da súa inocencia", di o texto, e subliña: "Isto debe deixar en claro que se tratou dun acto estatal incomprensíbel e inxusto". Con todo as autoridades de Glarus advirten de que non debe dar a impresión de que a xeración actual asume a responsabilidade do pasado dos seus antigos habitantes.

A solicitude do parlamento cantonal vén precedida dun intenso debate, e foi aprobada logo de conversas coas igrexas Protestante e Católica. O ano pasado, ao se cumprir 225 anos da execución, abriuse un museo en Mollis dedicado a Göldi.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: