Difúndese un novo documento que procura adhesións para o 18 de outubro entre os críticos "coa política lingüística do PP" e cos "déficits reivindicativos" de Queremos Galego!
Membros de colectivos sociais, organizacións sectoriais e formacións políticas do país, a maioría defensores do reintegracionismo e algúns ligados á plataforma Galego Sempre Mais, acordaron a redacción dun manifesto (ao pé da noticia) sustentado en tres puntos básicos e de consenso: "defensa do monolingüismo social", "rexeitamento do marco legal que subordina o galego ao español" e "reivindicación do papel protagonista da sociedade autoorganizada no proceso normalizador".
O obxectivo é aglutinar na mobilización do próximo domingo distintos sectores críticos "coa política lingüística do PP" e "cos déficits reivindicativos" de Queremos Galego! para se manifestaren unitariamente este domingo, segundo fontes consultadas impulsoras desta autoconvocatoria que carece de portavoces oficiais.
O feito puntual da participación na marcha como "bloque crítico", afirman, pretende tamén "ter expresión en liñas de reivindicación lingüística para o futuro". "Dada a situación actual pola que pasa a nosa lingua, a acción non pode pasar por criterios normativizadores, senón normalizadores. A manifestación do 18 de outubro non debería ir ligada á defensa dunha normativa", apuntan.
É por isto, que discrepan da parte de reivindicación institucional da marcha, e avogan por "un novo marco legal superador da desigualdade xurídica existente" entre as dúas linguas oficiais en Galiza. "A defensa dos elementos de discriminación positiva existentes na lexislación actual non é o teito das nosas reivindicacións", pecha o manifesto que está previsto que se presente publicamente esta quinta feira.