O presidente da Comisión Europea advirte da errada terminoloxía e subliña que o cargo previsto é o de "presidente do Consello de Europa".
"Síntoo, pero non vai haber un presidente de Europa", avisaba o presidente da Eurocomisión, José Manuel Durão Barroso. "Haberá, se conseguimos o Tratado de Lisboa, un presidente do Consello Europeo", precisou. "É importante comprender isto, porque ás veces penso que se están espallando algunhas ideas sobre certas derivas institucionais", comentou Durão Barroso.
Barroso expresaba así a súa preocupación polo uso da terminoloxía que non só medios de comunicación senón moitos políticos están facendo a este respecto. O problema arrinca da propia indefinición que o tratado lle deixa a este cargo, de xeito que permanece a porta aberta para o debate sobre o papel que tería a persoa chamada a ser alto representante da UE no contexto internacional. A propia escolla do nome podería ter un ou outro impacto no papel a xogar por este novo cargo, en función de se o elixido é algún dos líderes que teñen ou tiveron maior peso no contexto da UE ou ben unha figura menos coñecida.
Blair á fronte de media ducia de candidatos
O ex primeiro ministro Tony Blair mantense nas apostas como un dos mellores colocados para o posto de presidente europeo, cargo de nova creación que sairá adiante logo da ratificación plena do Tratado de Lisboa. Blair acumula un importante lastre de credibilidade despois do seu vencello co presidente estadounidense, George W. Bush, e o seu apoio incondicional á guerra de Iraq, pero aínda así suma importantes apoios nos gobernos europeos como aspirante á futura representación da UE. Francia, Italia e, menos explicitamente, Alemaña, poderían ser avais decisivos na súa candidatura.
Con todo, a principal oposición a unha candidatura de Blair ao cargo xorde xustamente do Reino Unido. "Se Tony Blair vai ser presidente de Europa eu quero un referendo sobre iso, e moitas persoas han estar de acordo comigo", advertía o conservador Boris Johnson. Paus que lle caen ao ex primeiro ministro tamén desde as filas laboristas. Así por exemplo, o antigo eurodeputado Michael McGowan recordaba en The Guardian que Blair elixiu ir con Bush no canto de coa UE cando a crise iraquí.
Xa que logo, aparte de Blair, na mesa aparecen outros nomes para a alta representación da UE, entre eles: o ex comisario europeo Chris Patten, o luxemburgués Jean-Claude Juncker, o ex presidente do goberno español Felipe González ou o neerlandés Jan Peter Balkenende.