Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE LÁCTEA

Bruxelas aposta por unha nova regulación do mercado do leite

No cumio do leite, os estados reclamaron cambios no mercado para estabilizar os prezos e preparar a saída do sistema de cotas.

Redacción - 14:05 05/10/2009
Os gandeiros levan meses manifestándose en demanda dun prezo xusto

Os gandeiros levan meses manifestándose en demanda dun prezo xusto

"Todos estamos de acordo na necesidade de crear unha nova regulación europea do mercado do leite para substituír o sistema de cotas". Esta foi a conclusión que o ministro de Agricultura francés, Burno Le Maire, ofreceu do cumio do leite que este luns reunía en Bruxelas aos estados para abordar a crise do sector leiteiro.

Ao remate da xuntanza, Le Maire explicou que "hai unha grande vontade" por parte dos países para avanzar na liña do consenso, mesmo coa Comisión Europea e resumiu nos seguintes catro puntos a declaración de intencións nacida nesta reunión. Os gobernos reclaman a creación dun sistema de supervisión do mercado lácteo europeo para ter unha información máis transparente que permita tomar "as mellores decisións" a escala europea. Ademais, piden melloras nas relacións entre produtores e industria, para que sexan máis equilibradas. Tamén solicitan a mellora dos instrumentos xa existentes, como o almacenamento privado para determinados produtos; e a creación de novos instrumentos a longo prazo para produtos como a manteiga e o leite en po, que permitan a estabilización do seu prezo.

Con todo, como estaba previsto, non se adoptaron novas medidas inmediatas que procuren unha solución a curto prazo para a crise do sector. O obxectivo desta declaración, recoñeceu o ministro francés, "é enviar un sinal político claro" aos produtores.


3,5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: