CIG-Ensino convoca unha recollida de sinaturas e unha concentración o 7 de outubro para que Educación execute as medidas aprobadas.
Nenas e nenos nunha galescola
A situación de incerteza na que se atopa o persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar fixo que CIG-Ensino iniciase unha nova serie de medidas a prol da mellora das condicións laborais do colectivo.
A organización sindical recollerá sinaturas para apoiar unha táboa reivindicativa e convocará unha concentración para o sete de outubro ás 11 e media da mañá en San Caetano. As súas peticións son que se convoque o comité directivo para ratificar o convenio colectivo, que os orzamentos da Xunta contemplen as partidas necesarias para cumprir ese convenio, que se desenvolvan os procesos de selección de persoal xa convocados e coas bases publicadas, que se solucione a temporalidade do persoal e se resolvan as irregularidades na xestión de listaxes, substitucións, baixas, modalidades de contratos, despedimentos ou falla de recursos.
CIG-Ensino cualifica de preocupante a situación do persoal do Consorcio, por estaren paralizadas as medidas acordadas para a súa mellora laboral e salarial. Enmarca esta situación na política da Consellaría de Traballo e Benestar de "botar abaixo o modelo de Galescolas".