Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A LOITA POLA NORMALIDADE

“Cando se soubo do acto gai en Monterroso, moitos pensaron que isto era unha bacanal”

Xoán Carlos Beceiro, veciño deste municipio da Ulloa, foi un dos promotores da primeira “Romaxe pola Visibilidade LGBT no Rural”.

Ramón Vilar - 10:00 30/09/2009

Este sábado Monterroso converteuse na capital gai de Galiza. O PSdeG organizou neste municipio da comarca da Ulloa a primeira “Romaxe pola Visibilidade LGBT no Rural”. Até o mesmo achegouse medio cento de persoas. Porén había un dato sintomático: os participantes da bisbarra contábanse cos dedos das mans.

Detrás desta iniciativa hai un nome: Xoán Carlos Beceiro García. Este mozo de 32 anos de idade sabía que non ía ser doado contar coa asistencia dos veciños. De feito, el é de Monterroso. Todos os seus recordos están ligados a este municipio. Non podía ser doutro xeito. As circunstancias da vida afastárono da súa familia biolóxica e con só tres anos  pasou a ser interno dun colexio de monxas da localidade. Alí estudou e vuviu até que con 16 anos comezou a buscar un futuro laboral no mesmo concelllo. Agora traballa como asalariado nunha explotación gandeira.

-Vieiros: Como xorde da idea dunha romaría para visbilizar o mundo gai no rural?
-X.C.Beceiro: Isto falámolo no grupo de traballo LGBT do PSdeG. Monterroso é un lugar bastante céntrico e sabían que contaban coa miña colaboración.

-Saír do armario nunha comarca rural é especialmente difícil?
-(Ri) Aquí había moita xente que non o sabía antes desta fin de semana. Agora si que noto máis as olladas da xente, pero era algo que xa agardaba cando decidín organizar o acto. Xa sabía o que podía pasar porque eu ouvía os comentarios homófobos da xente que descoñecía que eu era gai. A xente que o é homosexual en Monterroso non dá a cara. Incluso, cando te decides a saír do armario procúpanse de que os poidan relacionar contigo.

-Mais supoño que tamén habería xente que se solidarizaría contigo despois de dar este paso?

-Ninguén chamou para felicitarme.

-Como se pode rachar coa invisbilidade do mundo homosexual nos concellos rurais?
-No rural é máis difícil porque todo o mundo se coñece entre si. A idea xeralizada é que a homosexualidade é algo sucio, anormal. Hai demasiados tópicos. Por exemplo, por ser homosexual pensan que xa che gustan todos os homes. De feito (volve rir), cando saíu nos medios o do acto a xente pensaba que aquí se ía montar unha bacanal.

-Cantas veces pensou darlle un punto de xiro á súa vida e marchar de Monterroso?
-Moitísimas veces. A verdade é que non marchei por diversas circunstancias, pero é certo que teño máis amigos nas cidades.

-Pero supoño que se avanzaría algo na aceptación do mundo gai?

É certo que a xente nova acepta mellor ca os vellos as diferentes orientacións sexuais. Afortunadamente, tamén hai cambios no rural.

-Como se pode lograr ese cambio de mentalidade?

O principal é espallar a idea de que que é unha opción completamente normal. Os primeiros que teñen que velo así son os propios homosexuais. Ocultarse é acabar discriminándose a un mesmo. Hai que intentar vivilo coa máxima normalidade para que vaia callando tamén esta idea nos que te rodean.

-Determinados políticos debería saír do armario para dar exemplo?
Dende logo que si. Os políticos deberían facelo porque son un modelo para a sociedade. Ese xesto, sen dúbida, tamén lle axudaría a moita xente.


4,84/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: