O novo goberno de Euskadi remodelou os servizos informativos, apartando catro profesionais de diante das cámaras.
Dani Álvarez
A televisión pública vasca, Euskal Telebista, estrea esta segunda feira un novo espazo de información e debate. Plató 2.0 emitirase a partir das once da noite na canle en castelán, ETB2, e estará presentado e moderado por Dani Álvarez, colaborador de Vieiros.
O programa arrinca cunha entrevista á presidenta do parlamento vasco, Arantza Quiroga, a cargo dos xornalistas Germán Yanke, de Estrella Digital; Ana Garbati, do Periódico de Catalunya, e Miren Ibáñez, do Diario de Noticias de Araba.
A segunda parte será un debate sobre a actualidade política vasca, con temas como o Alderdi Eguna, a exhibición de fotos de presos en actos públicos ou o concerto económico. Nesa sección intervirán, ademais de Yanke, Garbati e Ibáñez, Martxelo Otamendi, de Berria; Juan Mari Gastaca, de El País, e Carmen Gurruchaga, de La Razón.
Remodelación dos informativos
Por outra banda, o novo goberno de Euskadi, formado por socialistas e populares, tamén provocou, este luns, a desaparición de catro dos rostros máis populares da emisora, que se encargaban de presentar os seus informativos. Juan Carlos Etxeberría, Maddalen Iriarte, Maribel Aizarna e Ainhoa Larretxea abandonarán os seus postos para dedicarse a outros labores xornalísticos. Ademais, as tres últimas presentadoras formaban parte do equipo dos informativos en éuscaro de ETB1.